Ribadeo, 29 de marzo de 2023. O Concello de Ribadeo acondicionará nos vindeiros meses o camiño que vai dende Noceda a Lexoso. Trátase dun tramo de 1.560 metros de lonxitude.
A concelleira de Obras, Mónica Freire, sinalou que “este camiño, moi transitado pola veciñanza presenta unha serie de deficiencias na capa de rodadura, actualmente de rego asfáltico, que se solventarán con este arranxo integral. Para elo, implementaremos un novo pavimento de aglomerado en quente ao longo de todo este vieiro, que conta cuns anchos de entre 4,1 e 4,75 metros”.
Freire Rancaño explicou que “o proxecto feito polos técnicos municipais valora esta inversión en 112.487,05 euros. Para cofinanciar esta importante obra, o Concello solicitou no día de hoxe unha axuda a través do Plan de Mellora de Camiños Rurais 2023-2024 cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). Solicitamos un total de 67.292 euros, dos cales 40.375,2 son fondos europeos, 18.841,76 da Xunta de Galicia e 8.0075,04 do Ministerio de Agricultura. O Concello de Ribadeo aporta o 40 % total do custe, 45.195,05 euros procedentes de fondos propios”.
A edil nacionalista subliñou que “desde o Concello seguimos apostando pola mellora dos camiños das nosas parroquias, como levamos feito durante todo o mandato”.