Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Foz reclama a Portos de Galicia un investimento real

Foz, 15 de marzo de 2023. O Concello de Foz reclama a Portos de Galicia un investimento real nos peiraos focegos e que devolva o que recada a todas as veciñas e veciños.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, agradece a inversión de algo máis de 18.000 euros nas obras de mellora de firme que comezaron este mércores en Foz pero considéraa “minúscula e pírrica, a menor dos portos do norte de Galicia. Soamente actúa no vial entre o Cenima e Porto Chico. A explanada portuaria, onde o Concello paga taxas a Portos de Galicia por celebrar o mercado semanal, está chea de fochancas e constitúe un auténtico perigo.

Seguimos sen papeleiras no Paseo de Laredo, que tamén pertence a Porto, e o máis grave é que non temos noticias da dragaxe e ampliación da dársena de Porto Chico, que leva anos sen calado e para o que non se consignou orzamento ningún”.

Fran Cajoto engade: “o que máis nos indigna é que Portos de Galicia está a recibir máis de 120.000 euros ao ano do Concello de Foz por ocupar terreos da súa titularidade co mercado semanal, a piscina municipal, o Centro de Educación Vial, a depuradora ou as festas patronais. Cento vinte mil euros por un uso non portuario, por ocupar unha explanada que está en pésimas condicións. O 15 de outubro de 2021 o Concello de Foz requiriu a Portos de Galicia que os terreos de uso non portuario revertan ao concello, en base a un convenio que asinou o propio Portos coa Federación Galega de Municipios e Provincias. Máis de ano e medio levamos os concellos reclamando que se cumpra o convenio e que se resolva esta situación alegal que mantén Portos de Galicia”.

Exit mobile version