As obras consistiron na mellora da iluminación, na instalación de canlóns para evacuación de augas pluviais e na instalación dunha billa de auga no exterior, entre outros traballos “dando resposta así ás demandas deste colectivo e contribuíndo a crear espazos confortables que favorezan o dinamismo municipal”
Cervo, 7 de marzo de 2023. O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Cultura, Dolores García Caramés, achegáronse ata o Burgo da Senra para supervisar os traballos de mellora executados no local social que está cedido á Sociedade Cultural e Recreativa O Raxal, que organiza diferentes actividades lúdico-culturais no espazo, que fora construído no ano 2010 con fondos municipais, no marco do Obradoiro de Emprego.
Villares puxo de manifesto que estes traballos van na liña que vimos marcando desde o Concello de Cervo “de favorecer o asociacionismo adecuando locais sociais para uso e desfrute dos diferentes colectivos do municipio, nunha aposta por poñer á súa disposición eses espazos públicos para que os enchan de vida coas diferentes actividades e eventos sociais que organizan ao longo do ano; e tamén das diferentes iniciativas municipais que se programan nas diferentes parroquias”.
Tal e como puntualizou o rexedor, os traballos realizados –cos que demos resposta ás demandas da asociación que xestiona o inmoble- “consistiron na mellora da iluminación, na instalación de canlóns para a evacuación das augas pluviais, na instalación dunha billa de auga no exterior e na mellora do pavimento”.
Con actuacións como esta -engadiu- contribuímos a crear espazos confortables que favorecen o dinamismo municipal, “porque o ideal é que estas edificacións públicas se enchan de vida da man dos diferentes colectivos do Concello e das iniciativas que promoven e que activan e involucran á veciñanza”.