A Administración local leva entregando este líquido con carácter regular desde o ano 2017; co obxectivo de “tentar así frear a expansión desta especie invasora e minimizar a formación de niños no termo municipal”
Cervo, 29 de marzo de 2023. O rexedor, Alfonso Villares, e a edil de Medio Ambiente, Mali Méndez, mantiveron un novo encontro coas persoas apicultoras do municipio no que lles fixeron entrega de produto atraínte co que elaboran as trampas para capturar as raíñas “durante a primavera, que está demostrado que é o momento para facelo”.
O alcalde e a edil recordan que o Concello de Cervo estivo sempre en todo momento ao carón dos apicultores co obxectivo de tentar frear a expansión da velutina “de feito desde o ano 2017 entregamos con carácter periódico este líquido para que eles mesmos confeccionen as súas trampas; xa que, tal e como confirmaron é o que lles resulta eficiente para ir capturando as raíñas” a fin de tentar reducir a formación de niños neste tempo.
Villares sinalou que a nosa intención é seguir “traballando coordinadamente con eles para afrontar esta problemática, tal e como vimos facendo desde que temos constancia da presenza da velutina no noso municipio tentando minimizar o impacto desta especie invasora para protexer, na medida das nosas posibilidades, o seu traballo e o das súas abellas”.