Ribadeo, 7 de marzo de 2023. Dezaoito empresas amosaron o seu interese por visitar as instalacións municipais do Servizo de Augas. E durante esta mañá, guiados polos técnicos municipais, estiveron vendo todas e cada unha das localizacións de titularidade municipal relacionadas co Ciclo da Auga.
O alcalde, Fernando Suárez, contou que “un total de 18 empresas amosaron o seu interese en visitar as instalacións municipais do Servizo de Augas, de acordo co anuncio que fixemos no Concello, tal e como se prevé no Prego de Cláusulas Administrativas da Concesión. E ao longo da mañá de hoxe, guiados polos técnicos municipais irán vendo todos e cada unha das localizacións de titularidade municipal relacionadas co Ciclo da Auga”.
O rexedor subliñou que “é un número moi importante, de entidades que mostran o seu interese en ver o ciclo da auga en Ribadeo. Desde o Concello non sabemos cantas destas acabarán presentando ofertas, posto que o prazo de presentación remata o vindeiro 24 de marzo, pero desde logo é un indicativo do interese que esperta”.
Suárez Barcia dixo que “estas visitas das instalacións é algo que desde o Concello, en aplicación das leis, facemos con frecuencia, por exemplo nos concursos de limpeza de inmobles, no equipamento da nova Residencia de Maiores, na poxa dun inmoble herdado, etc., porque pretendemos que os licitadores poidan ver de primeira man as realidades técnicas e físicas para que a oferta que poidan facer sexa real e verídica”.
O alcalde indicou que “nesta licitación que sacamos desde o Concello e que foi aprobada por unanimidade no Pleno da Corporación hai uns días, pretendemos, nin máis nin menos, mellorar a calidade de auga de consumo, con dous novos e modernos sistemas de ozonización, que virán substituír os actuais de cloro, mellorando o sabor e o posible olor da auga, ademais da eliminación de subprodutos de desinfección”.
Fernando Suárez sinalou: “contemplamos a ampliación da capacidade de auga almacenada en mais do dobre cun novo depósito de 4.660 m3 en Ove, e tamén a ampliación da capacidade hidráulica da ETAP de Vilarbetote así, como diversas melloras en control e sensorización da auga de consumo. Tamén, para solucionar as incidencias que se producen ás veces no peirao de Ribadeo contémplase a instalación dun sistema de retención de flotantes e sólidos en suspensión que reteña estes elementos antes de que se produza a súa vertedura ao mar e os separe axeitadamente para o seu posterior transporte a un xestor autorizado de residuos. Será obriga do novo concesionario a instalación desta criba”.
Suárez Barcia engadiu que “o novo contrato prevé o cambio de aproximadamente 4.000 contadores nos dous primeiros anos da concesión, xa que a idade media deles é de máis de 20 anos. Deste xeito darase cumprimento á normativa que esixe que todos os contadores de máis 12 anos sexan substituídos por outros novos. O futuro contrato do ciclo integral da auga de Ribadeo leva implícito un maior control das redes de auga e saneamento. O importe mínimo de todas as actuacións que o adxudicatario deberá investir será de 3.200.000€. E outro dato relevante que non se contemplou ata agora é que as inversións, melloras, canóns que se lle aporten ao Concello, no inicio, ou durante toda a vida da concesión, deberán obrigatoriamente ser reinvestidos na mellora das instalacións e no ciclo da auga”.