O acto terá lugar a partir das 12:30 horas no colexio da localidade natal do autor ao que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas 2023
A Coruña, venres 3 de marzo de 2023. A Real Academia Galega presentará o luns, 6 de marzo (12:30 horas) da man da comunidade educativa do CEIP Juan Rey de Lourenzá a nova edición do proxecto web Primavera das Letras, que fornece os nenos e nenas de recursos arredor da vida e da obra da figura á que a institución dedica cada ano o Día das Letras Galegas. A RAG escolleu a escola da terra natal do homenaxeado deste ano, Francisco Fernández del Riego (1913-2010) para dar a coñecer a proposta, que ten como cerna o texto teatral As cousas de don Paco, unha obra na que varios obxectos que pertenceron a Del Riego van trazando a súa biografía. A proposta escénica foi escrita por Eva Mejuto e ilustrada por Lucía Cobo, que participarán na celebración.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e a académica responsable de Primavera das Letras, Fina Casalderrey, presentarán o proxecto, financiado un ano máis pola Deputación da Coruña, que apoia primaveradasletras.gal dende a súa posta en marcha no ano 2016. Xunto á biografía teatralizada de Francisco Fernández del Riego, este espazo virtual complétase con actividades interactivas e outros recursos que irán medrando ao longo desta primavera.
No acto tamén participarán a presidenta da Mesa Coordinadora don Paco, a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López García, varios membros deste espazo de dinamización local da figura de Fernández del Riego e mais representantes da administración educativa.