A organización nacionalista reitera no pleno que “non vale producir enerxía renovábel a calquera custe” e esixe ao goberno do Estado a retirada dos POEM
Lugo, 28 de marzo de 2023- O BNG sacou adiante por unanimidade unha moción que esixe á Xunta de Galicia ampliar as axudas destinadas a medidas de prevención e indemnización polos danos causados polos lobos en 4,3 M€.
Trátase da contía que lle correspondería a Galiza en función da Estratexia do Lobo e á que o goberno galego renunciou por manter un enfrontamento partidista co goberno do Estado.
Coa proposta, a formación nacionalista trata de evitar que a renuncia do goberno galego a estes fondos prexudique ás gandeirías. De cumprirse o acordo adoptado pola corporación provincial, as axudas ás gandeirías pasarían dos 1,75 M€ orzamentados pola Xunta de Galicia ata o momento a máis de 6 M€.
A deputada de Medio Rural Mónica Freire, que defendeu a moción no pleno provincial, dixo agardar “que esta votación se materialice na convocatoria de axudas e non quede nun intento de eludir responsabilidades por parte do grupo provincial do Partido Popular, que hai tres meses votou a favor dun aumento das axudas á produción ecolóxica que aínda non vimos no papel”.
“Se a sociedade en xeral reclama e concorda na existencia e conservación do lobo, esta protección non pode ser soportada unicamente polas gandeiras e gandeiros, menos aínda cando é evidente que as administracións dispoñen de recursos para paliar os danos”, concluíu.
A moción tamén inclúe entre os puntos de acordo diferentes melloras e actualizacións da orde de axudas para facilitar a tramitación e xustificación, adaptándose ás circunstancias reais das gandeirías en réxime extensivo ou semiextensivo, máis vulnerables aos danos dos lobos.
Así, insta á Consellería de Medio Ambiente a que elabore un anexo á orde de axudas no que se estableza un criterio de estimación e valoración para poldros e bestas, vacas e becerros en réxime extensivo ou semiextensivo vítimas dos ataques de lobo, que respondendo á realidade non precise da presenza e identificación de restos, e que amplíe o prazo de xustificación das axudas dende que se comunica a aprobación ata que se presenta a conta xustificativa co gasto.
Eólica mariña
O Pleno provincial tamén aprobou unha moción do BNG que esixe ao goberno do Estado a retirada dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo, que prevén a instalación en Galiza do 43 por cento da eólica mariña prevista para o Estado a costa da actividade pesqueira e dos ecosistemas mariños.
No concreto, a proposta presentada pola organización nacionalista, e aprobada cos votos do Partido Popular, reclama ao goberno do Estado a retirada inmediata dos POEM e a declaración da costa galega zona excluída a eólica mariña para garantir o futuro do sector pesqueiro e á Xunta de Galiza que defensa por todos os medios ao seu alcance ao sector pesqueiro.
O voceiro nacionalista Efrén Castro reiterou a posición que o BNG mostrou no Parlamento de Galicia e no Congreso dos Deputados. “No BNG insistimos na necesidade de implantar enerxías renovábeis e avanzar cara a unha economía libre de carbono, pero non se pode facer a costa de arrasar con todo” e sinalou que, “ademais das advertencias que está a lanzar o sector, a experiencia de Noruega ou Portugal demostran que este tipo de instalacións afecta aos caladoiros de pesca”.
Efrén Castro lamentou a ruptura do acordo do consenso que se acadou na corporación provincial en maio de 2022, ao redor dunha proposta de goberno que, atendendo ao recollido no Manifesto Burela, asinado por axentes económicos e sociais do sector pesqueiro , se pedía ao goberno do Estado blindar os caladoiros e zonas de actividade pesqueira da instalación de parques eólicos. “Non vale disfrazar todo de verde, producir enerxía renovabel a calquera custe e moito menos poñendo en risco 13.000 postos de traballo na provincia”, concluíu.