Viveiro, 28 de marzo, 2023. O BOE vén de publicar o pasado 4 de marzo os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM), aprobado o 28 de febreiro, co que se pretende instalar no noso país o 43% da eólica mariña prevista para todo o Estado, uns 2.200 quilómetros cadrados de costa. De consumarse, suporá a perda de miles de postos de traballo nun sector clave da nosa economía como é a pesca. Sería o maior ataque histórico á pesca e os ecosistemas mariños. A pesca representa a día de hoxe máis de 31.000 empregos directos e de 120.000 inducidos, e o 2% do PIB galego (o 4,8% se atendemos a todo o sector do mar).
O POEM supón a destrución do sector pesqueiro para que se sigan enriquecendo as grandes eléctricas, convertendo ao noso país nunha colonia enerxética de Madrid.
O BNG vén defendendo desde hai tempo que non é aceptábel prever parques eólicos na nosa costa polas características da plataforma galega, unha plataforma moi estreita que provoca que os proxectos se sitúen a tan só 20-25 quilómetros, en espazos de alta sensibilidade ambiental e de alta produtividade pesqueira.
O Goberno do Estado, na súa defensa dos intereses das grandes empresas eléctricas e enerxéticas, desatendeu todas as alegacións achegadas polo BNG, asociacións ecoloxistas ou as propias confrarías. Compre lembrar que o 3 de maio de 2022 o Parlamento europeo aprobou unha resolución que determinaba que os caladoiros históricos e tradicionais específicos dos mariñeiros deberán estar libres de enerxía eólica mariña, resolución que contradí este POEM.
Tamén o Parlamento galego aprobou con unanimidade en 2009 que Galiza ficase libre de eólica mariña, polo seu impacto negativo na pesca. A nosa obriga é defender a pesca, un sector do que viven, directa ou indirectamente, moitos dos nosos veciños e veciñas, e non podemos permitir que o lobby eléctrico faga caixa cos nosos recursos naturais deixando sen medio de vida á xente do mar. A eólica mariña e a defensa do sector pesqueiro non son compatíbeis, como se acreditou en Viana do Castelo, Portugal, onde os mariñeiros denuncian que a zona quedou, literalmente, sen peixe, ou co replantexamento que Noruega está a facer da eólica mariña pola grande afectación que está a ter sobre a súa pesca.
Diante dunha agresión sen precedentes á nosa pesca, lamentabelmente a Xunta de Galiza, en vez de encabezar a defensa do noso sector pesqueiro, está a poñerse de perfil, cun silencio cómplice.
No BNG insistimos na necesidade de implantar enerxías renovábeis, pero este tránsito non se pode facer a costa de arrasar con todo. O lobby eléctrico, co apoio dos gobernos español e galego, pretende espoliar o noso territorio e os nosos mares, e non podemos consentilo. Temos o país cheo de encoros, 4.000 muíños de vento nos nosos montes e están proxectados moitos máis. E agora dísenos que Galiza ten que soportar case a metade de todos os aeroxeneradores da eólica mariña do Estado. Basta xa de que o noso país, o noso monte a agora o noso mar, teña que pagar todos os custes ambientais, económicos e sociais de producir enerxía.
Polo exposto, a portavoz do BNG de Viveiro Míriam Bermúdez propón a adopción do seguinte ACORDO:
1. Instar ao goberno español á retirada inmediata dos Plans de Ordenación do Espazo Marítimo. A declarar a costa galega zona excluída de eólica mariña para garantir o futuro do sector pesqueiro. E a preservar o sector pesqueiro e o futuro de miles de familias que viven do mar.
2. Instar ao Parlamento galego a que retorne ao consenso unánime de 2009, para deixar Galiza libre de eólica mariña porque esa petición sigue sendo igual de válida que antes.
3. Instar á Xunta de Galiza a que defenda por todos os medios ao sector pesqueiro galego, loitando para que Galiza estea libre de eólica mariña.
4. Trasladar este acordo aos grupos do Parlamento galego e do Congreso, así como á Xunta de Galiza e ao Ministerio de Transición Ecolóxica.