En conxunto destaca que son un goberno fiábel, que proporciona seguridade á xente. Ademais, foron quen de amosar capacidade de diálogo e moita disposición a escoitar ás veciñas e veciños de Ribadeo combinadas coa perseverancia, rigor e determinación necesarias á hora de tomar decisións difíciles. Esa actitude foi a que permitiu facer de Ribadeo un concello solvente e saneado, que á súa vez nos permite asumir novos retos. Porque Ribadeo non se pode deter. O labor de goberno do grupo municipal do BNG, se logra renovar a confianza dos veciños e veciñas de Ribadeo, seguirá sacando adiante novos proxectos e desenvolvendo os actualmente postos en marcha.
Fernando Suárez Barcia valora moi positivamente a grande transformación que viviu o concello desde que o BNG asumiu as rendas da corporación municipal. Mostrou o seu orgullo por poder ter representado á sociedade ribadense ao longo destes anos e destacou a súa satisfacción por ter visto a toda a veciñanza unida a carón de proxectos como, por exemplo, o da Residencia de Maiores. Lamentou a falta de miras da Xunta de Galicia que, por razóns exclusivamente partidarias e por puro interese electoral, marxinou, e segue a marxinar Ribadeo, negándolle o pan e o sal por carraxe cara a un pobo que soubo loitar unido por un ben colectivo.
Pola súa banda, Pablo Vizoso Galdo mostra a súa ilusión por tomar o relevo na dirección do goberno de Ribadeo e debuxou as principais liñas de actuación de varias medidas xa comezadas neste mandato. Puxo como singular referente o desenvolvemento dunha política de promoción turística a través do Plan Especial das Catedrais que redunde en beneficio de todo o concello, e a creación de novos roteiros culturais pola vila e as parroquias. Tamén subliña a importancia de seguir apostando polo polígono industrial e implementar a promoción e saídas dos nosos produtos locais.
Cada unha das concelleiras e concelleiros que ostentan, ou ostentaron responsabilidades de goberno ao longo do mandato, relataron as principais medidas desenvolvidas nas súas áreas. O recordatorio da licitación e execución dun bo número de obras, tanto na vila como nas parroquias (rúas, instalacións deportivas, locais sociais ou estradas) é acompañado dunha importante reportaxe gráfica. Toda a actividade cultural, deportiva e xuvenil da que se fai balance está encamiñada, fundamentalmente, a dar calidade de vida ás veciñas e veciños de Ribadeo. Pero tamén se converten nun elemento dinamizador da nosa actividade económica.
A área socio-sanitaria ocupa un lugar singular neste Parladoiro. Lémbrannos os membros do goberno que, se ben é necesario un novo centro de saúde (de feito desde o goberno municipal estase a traballar para ceder á Xunta de Galicia os terreos necesarios para a súa construción), máis importante é dotalos de persoal suficiente para que a persoas se sintan ben atendidas. De pouco serven grandes instalacións se non hai persoal suficiente para atender os doentes.
Tamén se destaca a principal aposta deste goberno municipal sustentando polo BNG: a reforma integral do Hospital Asilo para facer del unha moderna residencia. Pregúntase o grupo municipal do BNG se a Xunta de Galicia vai cometer o mesmo atropelo con Ribadeo que cando se negou a apoiar economicamente a Residencia de Maiores. En todo caso, que saiba a veciñanza de Ribadeo que o BNG de Ribadeo, o grupo de goberno que agardamos configurar tras as eleccións de maio, imos apostar decididamente pola construción desa nova residencia, logrando así que Ribadeo conte con ata 90 prazas públicas para persoas maiores.
Ribadeo non se pode deter; temos que seguir adiante. E o BNG, e o grupo municipal que apoia, ten demostrado ao longo destes anos que é de fiar, que é responsábel, que non lle falla á xente. O seu principal aval é o traballo feito.