Ribadeo, 3 de marzo, 2023. O BNG sempre levou á práctica o seu compromiso contra o lume e cos montes galegos. Desde o goberno municipal do Concello de Ribadeo, apoiado polo BNG, ben que se puxeron en práctica políticas preventivas contra o lume ao longo destes anos. E nesta ocasión repartíronse cincocentas árbores de especies frondosas entre trinta familias; vaise poder actuar sobre 63 parcelas e traballar sobre unhas oito hectáreas de superficie. Cumprimos; paseniño, pero cumprimos cos nosos compromisos. Para outros queda ter que andar corrixindo carteis por ocultar a financiación de obras, ou marear o peixe disimulando por que a nosa sanidade pública está a ser abandonada polo goberno da Xunta.
Cabe lembrar que, neste tema, a acción de goberno impulsada polo BNG de Ribadeo foi pioneira a nivel galego. A veciñanza de Ribadeo, e dos concellos da contorna, ben puido ver como, namentres algúns andaban a encirrar á veciñanza (para defender o seu posto e lavarlle a cara aos seus superiores), o goberno municipal de Ribadeo poñía un empeño singular na aplicación da lei 3/2007 de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais para as redes secundarias de franxas de xestión de biomasa. Ben deitamos da triste experiencia vivida polos concellos veciños do Eo-Navia en decembro de 2015. O lume non é só cousa do verán; hai que tomar medidas de prevención ao longo de todo o ano. Fomos exemplo para toda Galiza. E algúns foron exemplo de cinismo para a historia política de Ribadeo: non todo pode valer en política!
Con paciencia, e explicando debidamente a importancia de manter illadas as nosas casas e núcleos de poboación, as familias afectadas puideron acabar cumprindo coa lei. E para facilitarlles o labor, desde o Concello de Ribadeo facilitóuselles vexetación frondosa para suplir as especies pirófitas (acacias, eucaliptos ou pinos). Pretendemos adoptar medidas preventivas; queremos que se cumpra a lei pois é a mellor garantía de prevención do lume; pero queremos colaborar coa xente para levar a cabo estas políticas e facilitarlles aos veciños e veciñas de Ribadeo, que se ven nesta situación, o relevo das especies pirófitas proporcionándolles árbores frondosas. Tal e como xa fixera o Concello noutras ocasións, un ano máis, cun investimento duns 9000€, achegamos novos exemplares de frondosas para seren plantadas.
Esa é a maneira de traballar do BNG, nesta ocasión a través da acción do grupo de goberno do Concello de Ribadeo: obramos, actuamos; non nos dedicamos a plantar semente de discordia. Cando é preciso buscar alternativas para un novo centro de saúde, actuamos (namentres outros marean o peixe nas redes sociais). Cando é preciso facer fronte ao reto dun novo hospital asilo poñémonos mans á obra, non coma outros que non se atreven a demandar da Xunta que corrixa a inxustiza cometida con Ribadeo co noso Centro de Maiores. Cando é preciso defender a sanidade pública, alí estamos, apoiando a toda a veciñanza na súa demanda de máis persoal e medios (non coma outros, que no Parlamento galego votan contra as propostas de mellora da sanidade pública galega).
No vindeiro mandato municipal, a acción de goberno das nosas concelleiras e concelleiros, capitaneados por Pablo Vizoso Galdo, vai seguir por esa senda: defendo sempre á veciñanza, e reclamando para Ribadeo o que lle corresponde.