A concelleira de Obras, Mónica Freire, explicou que “o Concello de Ribadeo ampliará o aparcamento da esquina entre a rúa Nova e a rúa do Pipelo, que pasará de 70 a 140 prazas. O proxecto conta co financiamento da Área de Medio Rural da Deputación de Lugo, permitindo crear estas 70 prazas a maiores a carón do centro histórico, a poucos metros do Pazo de Ibáñez”.
A edil ribadense dixo: “sabemos que o casco vello, como todos os conxuntos históricos, ten problemas para o estacionamento de vehículos e coa creación deste aparcamento o ano pasado quixemos dar solución para facilitar o estacionamento tanto á veciñanza como as persoas que nos visitan. Agora con esta ampliación vaise duplicar a capacidade deste espazo, mellorando tamén os accesos, que serán formigonados, para facilitar a entrada e saída dos vehículos”.
Freire Rancaño subliñou que “neste proxecto tamén se contempla a mellora e acondicionamento da rúa do Pipelo, mellorando os servizos de saneamento e abastecemento de auga, colocando un novo pavimento de formigón ao longo da calzada e novas beirarrúas de formigón desactivado, separados entre eles por rigolas e humanizando tamén o espazo con mobiliario urbano e árbores. O orzamento desta importante obra é de cerca de 180.000 euros e ten un prazo de execución de 4 meses. Nas vindeiras semanas licitarémola, para que as empresas que queiran presentar as súas ofertas o fagan durante 20 días”.