O caso de Muras é un dos trece complexos postos como exemplo de deseño de modelos de implantación de renovables -neste caso da enerxía eólica- con maior aceptación
O marco para o debate foi o traballo realizado pola Fundación Ecoloxía e Desenvolvemento (Ecodes) “Casos de éxito na implantación de enerxías renovables” (adxuntado). Encargado pola Universidade Rey Juan Carlos recompila proxectos fotovoltaicos e eólicos “que demostran un aproveitamento renovable con especial respecto á biodiversidade e con especial consideración á poboación local”.
Ante “a situación de rexeitamento ás enerxías renovables en parte do territorio nacional” o estudo identifica trece complexos como exemplos de deseño de modelos de implantación de enerxías renovables con aceptación social: desde a selección do emprazamento ás actuacións previas coas poboacións locais, accións durante a fase de construción e medidas para a integración socioeconómica nos territorios.
E no caso da eólica o primeiro caso que se destaca é o de Muras, que alberga no seu termo 20 parques eólicos desenvolvidos entre 1995 e 2009. Con algo máis de 163 km cadrados e 614 habitantes ten unha potencia instalada de 485 MW repartidos entre 381 aeroxeradores das empresas Acciona, Endesa, HEI do Arnoya SL, Iberdrola e Norvento.
Coa chegada dun novo equipo de goberno en 2015 o concello logrou reconducir unha situación desfavorable tras prácticas de dubidosa ética nos momentos iniciais dos proxectos, como a venda de terreos a prezos ínfimos e ameazas de expropiación. A implicación traduciuse na posta en marcha de axudas directas ao pago da factura da luz condicionadas ao nivel de renda, o que permite abaratar o recibo doméstico cun impacto económico e enerxético na vida da veciñanza. Así, os recursos van a subvencionar actuacións que mellora a calidade de vida xeito directo. O tope da axuda é de 600 euros anuais.
Manuel Requeijo, tamén foi convidado a falar desta experiencia o pasado xaneiro no salón de Graos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) nun debate sobre experiencias locais de produción e comercialización de enerxía eléctrica.