Foz, 28 de marzo de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, demanda lealdade institucional a Portos de Galicia e ao goberno da Xunta porque ve “inaudito” decatarse pola prensa das accións dese ente autonómico no seu municipio.
Fran Cajoto explica que “para mañá, mércores 29 de marzo, estabamos convocados a unha presentación do proxecto que teoricamente está a redactar Portos de Galicia en Porto Chico para dar solución aos problemas de calado e amarres, proxecto para o cal non hai asignada ningunha partida orzamentaria. O venres 24 de marzo ás 15.50 horas, mediante correo electrónico, anulábase a visita da presidenta de Portos a Foz por problemas de axenda. Ante a consulta do Concello indicábasenos que non había ningunha nova data proposta para a presentación. Ata aquí a información da que dispón o Concello. Pero despois desta anulación do venres Portos de Galicia decidiu utilizar politicamente a institución, organizando unha reunión co voceiro do Partido Popular este luns, á cal o Concello de Foz non foi invitado”.
O alcalde de Foz engade que “esta forma de actuar, completamente irrespectuosa cos veciñas e veciños que elixiron democraticamente aos seus representantes, demostra unha vez máis a falta da máis mínima consideración da Xunta cos concellos que non goberna o Partido Popular. Mañá, mércores, solicitaremos unha reunión de urxencia coa presidenta de Portos de Galicia para coñecer os avances dun proxecto que nos preocupa: o aumento de amarres ten que ir parello a unha zona de paso ampla e amable para o peón, dado que Tupide é unha conexión fundamental entre o propio peirao e a zona da Rapadoira”.
Cajoto remata comentando que “fóra de portos ou megaportos, aos cales o voceiro do PP de Foz nos tiña acostumados, agardamos que a xuntanza solicitada se celebre canto antes”.