Site icon Crónica3.com A Mariña

Novo investimento do Ministerio de máis de 886.000€ para a dotación dun sendeiro peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa

Este proxecto súmase a outras iniciativas postas en marcha polo Goberno no Concello de Foz como as melloras na praias de Llás e da Pampillosa

Lugo, 1 de marzo de 2023. A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destacou hoxe o compromiso do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para poñer en valor os recursos naturais do Concello de Foz, dentro da súa aposta pola dinamización económica e turística da Mariña.

Isabel Rodríguez avanzou que o Goberno reforza o seu apoio á comarca lucense co impulso ao proxecto de obtención de espazos para uso público e execución do sendeiro peonil entre as praias de Peizás e A Pampillosa, en Foz, cun investimento total de 886.500 euros. A subdelegada informou de que o Servizo Provincial de Costas vén de formalizar o contrato, adxudicado á peme ELAYCO. SL, que ten por obxecto favorecer o disfrute de novas franxas da costa mariñán.

“Estes novos traballos favorecerán o mellor aproveitamento dos valiosos recursos naturais cos que contamos na Mariña, para que poidan ser desfrutados con maior comodidade tanto polos veciños e veciñas de Foz como polos turistas, sempre mantendo un absoluto respecto polo medio ambiente”, manifestou Isabel Rodríguez quen defendeu que “demostramos con feitos a aposta do Goberno pola conservación e mellora da costa da Mariña”.

As actuacións financiadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica consistirán na creación dun sendeiro peonil entre as dúas praias nuns terreos que xa foran expropiados con este fin. Cunha lonxitude de 1.600 metros, o novo camiño permitirá o peche definitivo do paseo xa existente pola costa, entre a praia dos Fondás, na ría de Foz, e o interior da ría do Ouro.

Este proxecto súmase a outras ambiciosas iniciativas nas que está a traballar o mesmo departamento no Concello de Foz, así pois a subdelegada informou que nos vindeiros días adxudicarase o proxecto para realizar diversas melloras na praia de Llás. Ademais, lembrou a recuperación do sistema dunar da praia da Pampillosa, na parroquia de Fazouro, cun orzamento de máis de 80.000 euros por parte do Goberno.

Exit mobile version