A entidade ofrece servizos de xestión, formación e asesoramento a máis de 70 gandeirías da provincia
A deputada Mónica Freire sinalou que “a través desta achega queremos seguir contribuíndo a estabilidade e continuidade dunha labor que beneficia directamente as gandeiras e gandeiros asociados, atendendo necesidades relacionadas coa súa actividade cotiá, e que permite que encaren de xeito colectivo os retos dun sector fundamental para o mantemento do territorio”.
Ovica presta diferentes servizos ás 160 gandeiras e gandeiros asociados en toda Galiza -76 na provincia de Lugo-, fundamentalmente servizos de carácter administrativo, como os relacionados coa recollida e certificación da lá, dos animais mortos nas explotacións, os seguros ou a tramitación das axudas de diferentes administracións. Tamén ofrece asesoramento en materias como a produción ecolóxica ou a xestión das razas autóctonas.
Ademais desenvolve unha ampla axenda de actividades formativas e demostrativas, desde xornadas para fomentar novas incorporacións a este tipo de gandeiría, ata cursos teórico prácticos de esquilado ou podoloxía e manexo de pequenos rumiantes.
Desde 2016, ven apostando tamén na promoción da comercialización da carne a través da Marca de Garantía “Pastores de Galicia” que ten como finalidade distinguir no mercado a carne de cordeiro e cabrito producida en Galicia e asociada ao aproveitamento dos recursos naturais mediante o pastoreo das nais e a alimentación dos cordeiros e cabritos a base de leite materno e cereais, servindo ao consumidor como garantía de orixe, sistema de produción, seguridade alimentaria, benestar animal e calidade.