A área dirixida por Mónica Freire financia un proxecto que incide na necesidade de protexer o patrimonio rural como modelo de desenvolvemento social e económico
Os valados de pedra seca tradicionais – técnica de construción declarada como Patrimonio da Humanidade pola Unesco – e elementos do megalistismo como mámoas, dolmes ou petróglifos centrarán as accións a desenvolver no marco deste proxecto, reforzando o traballo que Adega ten realizado neste eido con acordos de custodia con titulares de terras en distintos concellos e comarcas.
A deputada Mónica Freire sinalou que “o interese de seguir difundindo e implementando estes acordos de custodia para avanzar na protección e na posta en valor do patrimonio da man das persoas propietarias dos terreos e da veciñanza” e incidiu en que “é fundamental traballar ao seu carón para que as iniciativas de protección se consoliden e se perciban como positivas para o desenvolvemento cultural, social e tamén económico desas zonas”.
Nese senso, destacou que “o proxecto afonda nunha liña de traballo que é común a todos os programas que desenvolvemos desde Medio Rural, desde o programa de visitas escolares Da Escola á Granxa ata O que non arde que apoian as actividades produtivas que inciden na protección do territorio”.
O apoio económico da área dirixida por Mónica Freire, que achega 15.000 euros ao proxecto, destinarase a ampliar os acordos de custodia do territorio na provincia, crear unha base de datos de persoas e entidades propietarias para a custodia territorial e adquirir en propiedade novas parcelas. Tamén se actuará no ámbito do voluntariado, involucrando nos grupos á poboación local e formando ás persoas voluntarias na defensa e na restauración do patrimonio.
O proxecto inclúe tamén actividades de divulgación e interpretación, como a instalación de sinaléctica e paneis informativos, a organización de charlas e roteiros ou a elaboración de material divulgativo e didáctico.
Ademais, o desenvolvemento do proxecto permitirá detectar ameazas concretas ao patrimonio rural e ofrecer asesoramente ténico e xurídico á veciñanza afectada, así como avanzar na catalogación e inventariado de bens patrimoniais que requiran desas figuras de protección.