O Concello de Viveiro colaborará intensamente na decimoquinta edición deste programa, que dende o 2009 desenvolve o Instituto de Educación Secundaria “Elisa y Luis Villamil” de Vegadeo, co que comparte o obxectivo de lograr a igualdade de oportunidades da xuventude que estudia no medio rural.
Así, o próximo 1 de xuño, a vila acolle a actividade “Vegadeo-Viveiro: unidos por el tren”, que atraerá a 45 estudantes de 1.º de Educación Secundaria, xunto aos seus profesores e ao alcalde de Vegadeo, para desfrutar dunha xornada que incluirá diferentes actos.
“Sentímonos moi orgullosos de que Viveiro forme parte deste proxecto que busca por en valor a riqueza cultural, económica e social dos pobos”, subliña María Loureiro.
“Dende o Concello de Viveiro cremos firmemente no papel dos nosos mozos como axentes do cambio social e por iso estamos moi contentos tamén co labor que desenvolve o noso Grupo de Participación Xuvenil, que nos serve de canle entre a mocidade da vila e a administración municipal”, engade a rexedora.
Dende o 2009, ano da súa primeira edición, o XV Foro Comunicación y Escuela desenvolveu 763 accións en diferentes puntos de España e do estranxeiro ademais de contar coa presenza como poñentes de persoeiros como José Manuel Blecua, director da Real Academia Española de la Lengua, Miguel Falomir, director do Museo del Prado, o cantante Víctor Manuel, a científica e investigadora Margarita Salas, xunto a destacadas figuras da política, da sociedade e do deporte.