Site icon Crónica3.com A Mariña

Manuel Rouco defende na súa presentación como alcaldable o proxecto do PP como “a única alternativa real ao desgoberno socialista en Burela”

“As grandes obras de Burela levan a etiqueta do Partido Popular, mentres que o goberno do PSOE só leva ao retroceso” poñendo como exemplo a “perda de servizos” e a “nefasta xestión en materia social”

Burela, 1 de marzo de 2023. O candidato do PP á alcaldía de Burela, Manuel Rouco, presentou o seu proxecto “de presente e futuro, sólido e realista” para o municipio nun acto ao que asistiu o vicesecretario de Facenda do PPdeG, Miguel Corgos; o secretario xeral do PP lucense, Javier Vázquez Nodal; o coordinador xeral e deputado mariñán, José Manuel Balseiro; alcaldes e portavoces da zona. A dirección provincial amosou o seu apoio ao candidato para “recuperar a alcaldía que durante moito tempo estivo ocupada polo Partido Popular”.

O alcaldable defendeu que “o Partido Popular é a única alternativa ao actual desgoberno socialista que lle fixo perder a Burela a súa situación na Mariña cun descenso da poboación e dos servizos”. Nese sentido, comprométese a traballar para que “Burela volva a liderar a comarca”.

É por iso polo que as tres principais liñas do seu proxecto, que se apoiarán tamén noutras, serán o asentamento da poboación, o asentamento de empresas e a dinamización económica e social. Concretamente, o popular cre que “hai posibilidades de medrar en poboación e para iso é imprescindible construír un concello de oportunidades que resulte atractivo para o asentamento das familias”. Este crecemento tamén está relacionado co asentamento de empresas: “temos que dotar a Burela de solo industrial para evitar que se marchen para outros concellos limítrofes”, manifesta o popular que considera tamén prioritario dinamizar económica e socialmente á vila que “agora está totalmente deprimida: con comercios pechados, rúas sucias e con adoquíns levantados”.

Do mesmo xeito, considera imprescindible “non só apoiar, senón tamén potenciar” os sectores produtivos -co porto como principal motor económico e tendo en conta ao comercio, a hostalería e ás pequenas e medianas empresas-, as asociacións e entidades do ámbito social, sociosanitario, cultural e deportivo. Rouco considera que “o Concello debe volver liderar a vida diaria da vila e non ir a remolque das asociacións que, na actualidade, son as que organizan os eventos sociais e culturais ao longo do ano”.

Rouco explicou durante a súa intervención que o seu obxectivo é “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas que vivimos nun lugar privilexiado” e para iso amosouse partidario de “practicar un labor real de escoita activa e continua para tomar decisións en función das necesidades da sociedade do momento. Un goberno local, que é o máis próximo aos cidadáns, non pode tomar decisións sen telos en conta”, matizou.

O alcaldable asegura que “o PP está preparado para gobernar Burela. Cun proxecto que se foi construíndo nos últimos catro anos nos que foi o único grupo en fiscalizar o labor do goberno e, ademais, o que máis propostas construtivas aportou para Burela”. Algunhas delas, que contaron co voto en contra do equipo de goberno nas sesións plenarias, foron: sacar o tráfico pesado do centro da vila, solucionar a situación de Torrentes, reubicar o mercado semanal, derogar o taxazo, estudar a rebaixa do IBI ou desenvolver talleres de memoria e servizo de fisioterapia a domicilio, entre outras propostas.

O PP LIDERA PROXECTOS E O PSOE PARALIZA SERVIZOS

A dirección provincial destacou que “tódalas grandes obras en Burela teñen a etiqueta do Partido Popular”. É o caso da gardería, o acceso ao Porto ou a ampliación do Hospital da Mariña.

“O goberno do PSOE solo levou ao retroceso en Burela. Non crearon servizos”, subliñou Balseiro. Nesa mesma liña engadiu Vázquez Nodal que “a xestión en materia social tamén deixa moito que desexar” citando como exemplo que, “a día de hoxe, hai 57 persoas agardando para recibir o servizo de atención a domicilio porque o goberno local non solicitou á Xunta máis horas para prestar este servizo para o que, ademais, vén de aumentar a aportación económica por hora que fai aos Concellos”. Por iso, os populares cren “necesario” un cambio político en Burela co que dar resposta ás necesidades dos veciños porque o goberno socialista non o está a facer”.

A dirección provincial convida a “traballar para amosar aos bureleses o proxecto do Partido Popular, recuperar a alcaldía e contribuír así á recuperación do goberno na Deputación Provincial; marcando o inicio do cambio de ciclo político que remate nas eleccións xerais coa elección de Alberto Núñez Feijóo como presidente do Goberno da nación”.

Exit mobile version