Crítica coa actual situación da política municipal, a alcaldable socialista sinalou que “non se pode estar de festa en festa todo o día, e desatender as obrigas máis básicas do Concello, como a limpeza viaria ou os espazos de esparexemento máis concorridos da vila”
Cervo, 16 de marzo de 2023. María Luján Ramos Ben é a candidata socialista á Alcaldía de Cervo nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. “Por primeira vez encabezo a candidatura do PSdeG para reafirmar o meu compromiso coa veciñanza do meu pobo, e ao mesmo tempo, para traballar polo futuro do meu concello, con humildade e dende a responsabilidade que merece este posto de tan alta representación política”, dixo a candidata, que é Concelleira na Corporación municipal.
O Secretario Xeral dos PSdeG na provincia de Lugo, José Tomé Roca, subliñou “a capacidade de traballo e a implicación cos veciños e cos colectivos do seu concello” que leva demostrando a candidata, ademais da súa “experiencia política ao longo destes anos como Concelleira”, o que a converte “na persoa idónea para poñerse á fronte do Concello e atender as necesidade reais dos cervenses”.
A Mariña é onde hai máis mulleres socialistas como cabeza de cartel
José Tomé Roca destacou ademais que a comarca da Mariña é onde máis mulleres presenta o PSdeG como cabezas de lista na provincia. “Xa gobernamos en Viveiro, Trabada e Lourenzá, onde repiten como candidatas as súas alcaldesas, María Loureiro, Mayra García Bermúdez e Rocío López, respectivamente, e onde tamén presentamos mulleres como cabezas de cartel en Mondoñedo, Ribadeo, Cervo e Barreiros, así como en Burela onde gobernamos actualmente, con Carmela López como alcaldable”, sinalou.
A candidata socialista asegurou que estes anos como membro da Corporación municipal servíronlle para coñecer a realidade diaria do concello. “Cada día recibo máis queixas do seu mantemento actual. Non podemos estar de festa en festa todo o día, e desatender as obrigas máis básicas como a limpeza viaria ou espazos de esparexemento máis concorridos da vila. Fai falla máis traballo e menos foto e propaganda mediática. Isto é o que reclama á veciñanza”, incidiu.
Proceso de renovación do partido
Ramos Ben destacou que a candidatura inclúe xente moza, “que por primeira vez quere participar activamente en política, o que demostra a capacidade de xerar ilusión do noso proxecto. Incorporar á mocidade é o mellor xeito de renovar as candidaturas.”
Polo que respecta ao programa electoral, “xa iniciamos contactos con colectivos para que nos trasladen as súas prioridades. Entre todos e todas, temos que facer un concello mellor, máis dinámico e con máis proxección de futuro”.
Nesta liña, avanzou que unhas das prioridades na súa folla de ruta pasa por impulsar melloras nas infraestruturas viarias do municipio. “É imprescindible priorizar investimentos nas vías de comunicación, cun polígono ben comunicado, atendendo ás necesidades dos veciños e veciñas, pero tamén poñendo os elementos que faciliten o desenvolvemento económico”.
Unha enxeñeira técnica industrial involucrada no tecido asociativo
Luján Ramos Ben (A Senra-Cervo, 1971) é enxeñeira técnica industrial. Desenvolveu a súa traxectoria profesional en diversas empresas como Sargadelos, e actualmente traballa como técnica de proceso en Burelarte, situada no polígono de Cuiña en Cervo. Ademais, colabora activamente nas asociacións da vila, como por exemplo na ANPA do IES Marques de Sargadelos, da que foi a súa presidenta durante sete anos, e á que segue vencellada. É Concelleira socialista dende o ano 2015. Nas dúas convocatorias anteriores concorreu como número dous, dando o paso como cabeza de lista dos socialistas por primeira vez nesta vindeira cita electoral do 28 de maio.