Fernández anuncia que fará xestións para fomentar as concentracións parcelarias e conseguir axudas para o sector primario
José María Fernández, que lamenta que o actual goberno local non fora capaz de sacar adiante algúns dos asuntos más importantes para Trabada, sinala que o traballo nos distintos campos de xestión ten que ir enfocado, transversalmente, á loita contra o despoboamento, a xerar condicións que animen a mozos e mozas a quedarse neste concello e atraer novos veciños.
En materia social, entre outros compromisos, o candidato popular adquire o de impulsar a construción de novas vivendas sociais; as últimas foron entregadas, segundo lembra, en 2007. No campo do social, aposta pola concesión de axudas á natalidade, unha prestación, destaca Fernández, que foi desactivada no 2020.
A creación de postos de traballo é condición indispensable para que o municipio non perda poboación, e, pola contra, gañe novos veciños. Para iso, o candidato popular considera imprescindible a creación do esperado polígono industrial. Lembra que a Deputación fixo caso omiso do convenio establecido no seu día por Suplusa co Concello para dito fin. O caso é -di- que Trabada necesita o polígono e que haberá que aclarar que pasa coas fincas, que o Concello pediu para a súa titularidade. Na mesma liña, o candidato popular comprométese a xestionar axudas para os emprendedores que se asenten no municipio.
Se hai un capítulo relevante na xestión municipal, con incidencia directísima na calidade de vida dos veciños e na economía local, é a rede de estradas. No caso das de titularidade municipal, José María Fernández indica que se é alcalde desenvolverá un plan para pavimentar con aglomerado en quente todas as pistas que dependen do Concello.
Nun concello como o de Trabada a política municipal ten que tomar moi en consideración o mundo rural, entre outras, as cuestións forestais. Por iso, anuncia medidas neste terreo, entre elas o impulso da concentración parcelaria.
Dende a dirección provincial dos populares destacaron que o PP gobernou moitos anos en Trabada, menos nos últimos 8. Os responsables provinciais sinalan que os populares aspiran “a volver gobernar e esperamos que os veciños nos dean o seu apoio nas eleccións municipais como nas autonómicas e nas xerais”. Igualmente, puxeron de relevo que “todas as obras importantes que se fixeron en Trabada, incluso ultimamente, levan a etiqueta do PP”. Os populares están convencidos de que igual que o PP nunca lle fallou a trabada, o veciños darán o goberno á candidatura popular.