Fernández anuncia que fará xestións para fomentar as concentracións parcelarias e conseguir axudas para o sector primario
Lugo, 18 de marzo de 2023. O gandeiro José María Fernández Vázquez será de novo o candidato do PP á alcaldía de Trabada. Fernández (Trabada, 1977) ten moi claro que, se chega á alcaldía, fará do Concello unha institución transparente e de concordia, tanto en relación aos veciños como ás outras administracións. Neste sentido di que se preside o próximo goberno local cambiarán os modos e acabarase a falta de eficacia na xestión dos asuntos municipais. Fernández está casado, ten un fillo e é un namorado do seu concello, a cuxa alcaldía -di- optará coa máxima responsabilidade, con humildade e coa decisión de servir con eficiencia aos seus veciños”. José María Fernández Vázquez foi presentado como candidato na noite do venres, nun acto celebrado na Casa da Cultura, no que participaron representantes da dirección provincial do partido, entre eles, o coordinador xeral e portavoz, José Manuel Balseiro, e o secretario de Organización, Javier Vázquez Prado, así como alcaldes e portavoces dos concellos próximos.
José María Fernández, que lamenta que o actual goberno local non fora capaz de sacar adiante algúns dos asuntos más importantes para Trabada, sinala que o traballo nos distintos campos de xestión ten que ir enfocado, transversalmente, á loita contra o despoboamento, a xerar condicións que animen a mozos e mozas a quedarse neste concello e atraer novos veciños.
En materia social, entre outros compromisos, o candidato popular adquire o de impulsar a construción de novas vivendas sociais; as últimas foron entregadas, segundo lembra, en 2007. No campo do social, aposta pola concesión de axudas á natalidade, unha prestación, destaca Fernández, que foi desactivada no 2020.
A creación de postos de traballo é condición indispensable para que o municipio non perda poboación, e, pola contra, gañe novos veciños. Para iso, o candidato popular considera imprescindible a creación do esperado polígono industrial. Lembra que a Deputación fixo caso omiso do convenio establecido no seu día por Suplusa co Concello para dito fin. O caso é -di- que Trabada necesita o polígono e que haberá que aclarar que pasa coas fincas, que o Concello pediu para a súa titularidade. Na mesma liña, o candidato popular comprométese a xestionar axudas para os emprendedores que se asenten no municipio.
Se hai un capítulo relevante na xestión municipal, con incidencia directísima na calidade de vida dos veciños e na economía local, é a rede de estradas. No caso das de titularidade municipal, José María Fernández indica que se é alcalde desenvolverá un plan para pavimentar con aglomerado en quente todas as pistas que dependen do Concello.
Nun concello como o de Trabada a política municipal ten que tomar moi en consideración o mundo rural, entre outras, as cuestións forestais. Por iso, anuncia medidas neste terreo, entre elas o impulso da concentración parcelaria.
Dende a dirección provincial dos populares destacaron que o PP gobernou moitos anos en Trabada, menos nos últimos 8. Os responsables provinciais sinalan que os populares aspiran “a volver gobernar e esperamos que os veciños nos dean o seu apoio nas eleccións municipais como nas autonómicas e nas xerais”. Igualmente, puxeron de relevo que “todas as obras importantes que se fixeron en Trabada, incluso ultimamente, levan a etiqueta do PP”. Os populares están convencidos de que igual que o PP nunca lle fallou a trabada, o veciños darán o goberno á candidatura popular.