Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento de Galicia manifesta o seu desacordo coa visión ecoloxista radical en detrimento da pesca existente na Unión Europea

“Parece que alguén en Bruxelas non acaba de entender que ninguén está máis interesado en protexer o mar e en protexer os seus recursos que os nosos mariñeiros”, sinalou o deputado popular

Compostela, 28 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, que tivo o voto en contra do BNG, manifestou hoxe o seu desacordo co feito de que na Unión Europea prevaleza unha visión ecoloxista radical en detrimento dos intereses do sector pesqueiro e das comunidades costeiras. Así mesmo, solicita expresamente que o Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea rectifique por actuar sistematicamente en contra dos intereses da cadea mar-industria galega.

O deputado popular José Manuel Balseiro manifestou que “os profesionais do mar non entenden a deriva ecoloxista radical que demostran varias das últimas decisións da Unión Europea”. “Parece que alguén en Bruxelas non acaba de entender que ninguén está máis interesado en protexer o mar e en protexer os seus recursos que os nosos mariñeiros”, sinalou.

PENSAMENTO BAMBI

Así, explicou que na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo “é cada vez máis difícil acadar o axeitado equilibrio entre a sustentabilidade ambiental e as imprescindibles dimensións económica, social e de emprego da pesca”. “Esta situación resulta moi prexudicial para a cadea mar-industria galega, que observa con preocupación como algúns grupos do Parlamento galego votan sistematicamente en contra dos intereses da xente do mar”, lamentou Balseiro, quen puntualizou que “a forza política máis radical na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo é o Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea, formación da que forma parte integrante o BNG”.

“O que é incomprensible e ninguén entende nos portos galegos é que o BNG siga pertencendo a un grupo que vota sistematicamente en contra da pesca galega”, criticou o deputado popular, quen lamentou a “hipocrisía dos nacionalistas galegos, que presumen de defender a Galicia en Europa cando o primeiro que fan é xuntarse cos maiores inimigos da pesca galega”.

En concreto, José Manuel Balseiro citou algunhas accións protagonizadas polo Grupo dos Verdes/Alianza Libre Europea nos últimos anos en contra dos intereses do sector pesqueiro galego: rexeitaron unha reforma lexislativa da política pesqueira común; piden anualmente ao Consello de Ministros de pesca da Unión Europea que acorde máis recortes das cotas pesqueiras; apoiaron á Comisión Europea na súa decisión de vedar a pesca de fondo en 87 áreas do Océano Atlántico; avogaron pola supresión total e inmediata do fuel pesqueiro bonificado; propuxeron un control férreo ós buques da frota europea, independentemente da súa eslora; opuxéronse a que o Fondo Europeo Marítimo, de pesca e de acuicultura (FEMPA) financiase investimentos para mellorar as condicións de vida e de traballo a bordo; ou quixeron prohibir cocer vivo ao marisco co argumento de que os crustáceos teñen sentimentos.

“Mentres a sociedade non sexa consciente da absoluta prioridade da produción pesqueira e siga abducida por este pensamento Bambi dun mar sen barcos e sen redes que capturen o peixe, o ecoloxismo radical seguirá impoñéndose e a produción pesqueira reducíndose e perdendo valor”, sinalou o deputado popular.

Exit mobile version