A subdelegada destacou o labor que levan a cabo na zona rural as 72 mulleres que pertencen á Garda Civil e salientou o avance nos últimos anos na incorporación da muller ás forzas e corpos de seguridade
Isabel Rodríguez subliñou, ante máis de 520 alumnas dos IES Perdoumo e Monte Castelo de Burela, que para as mulleres “non existen barreiras que non poidamos rompen nin na Garda Civil nin no resto de ámbitos da sociedade”. Nesta liña, agradeceu ás estudantes, profesorado e equipo directivo a súa participación nesta actividade “porque as escolas e institutos son os mellores espazos onde inculcar e fomentar os valores da igualdade”.
Na súa intervención, a subdelegada destacou o traballo que levan a cabo na zona rural da provincia de Lugo as 72 mulleres que pertencen á Garda Civil e salientou o avance nos últimos anos na incorporación da muller ás forzas e corpos de seguridade. “Debemos continuar traballando nesta liña, por unha igualdade de xénero efectiva que favoreza o acceso real da muller a todos os destinos e postos, incluídos os de maior risco ou responsabilidade”, apuntou.
Así mesmo, puxo en valor este tipo de iniciativas que amosan a gran implicación e compromiso das forzas e corpos de seguridade cos temas de debate e preocupación da sociedade, visibilizando a imaxe da muller dentro da Institución, intimamente ligada ao ámbito rural.
“Con esta mesa redonda volvemos proclamar alto e claro que imos seguir empuxando para que as mulleres teñan o papel principal que merecen na sociedade e para que se eliminen as trabas á igualdade”, rematou a subdelegada.
A xornada foi escenario dun intercambio de experiencias moderado pola comandante de posto de Baralla, sarxento Ana Isabel Caleya; entre a cabo primeiro do Subsector de Tráfico Mónica Revilla Celeiro, a garda civil do Subsector de Tráfico Jessica Veiga Rielo, as gardas civís do posto de Foz María Sherezade Lamas Barroso e Eva López Gómez, e a garda civil do servizo de intervención rápida Eva Autrán Romero.