Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez exemplifica na Fonsagrada o compromiso do Goberno co municipalismo, apoiando ao Concello para facer realidade o Museo Forges

Con 183.000 euros do Plan de Recuperación o Concello levará a cabo o futuro Museo de Antonio Fraguas, “Forges”, co que A Fonsagrada recoñece a este artista gráfico tan vencellado á localidade

A Fonsagrada, 11 de marzo de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, exemplificou hoxe na Fonsagrada “o compromiso do Goberno de España co municipalismo, cos concellos pequenos, en definitiva, co rural. Destinando recursos a proxectos como este que son un antes e un despois para o pobo, ofrecendo un novo servizo aos veciños e veciñas, e loitando contra o reto demográfico”. A subdelegada destacou que grazas aos fondos do Plan de Recuperación o Concello levará a cabo o futuro Museo de Antonio Fraguas, “Forges”, co que A Fonsagrada recoñece a este artista gráfico tan vencellado á localidade. Trátase dunha axuda de 183.000 euros do Programa PIREP Local, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A subdelegada, que participou esta mañá na xornada de presentación do centro museístico, felicitou ao alcalde da Fonsagrada, Carlos López, e ao seu equipo de Goberno, “por impulsar este proxecto tan bonito, que reflicte a sensibilidade e o agarimo dos fonsagradinos a Forges, e co que a cidadanía gañará un novo espazo para a dinamización cultural da localidade”. “Grazas ao voso esforzo, determinación e bo facer, A Fonsagrada contará co primeiro centro en toda España dedicado en exclusiva ao gran debuxante”, engadiu.

Igualmente, Isabel Rodríguez agradeceu a xenerosidade da familia de Antonio Fraguas por ceder parte da colección do artista, desde viñetas, a fotografías, pasando por libros, plumas e mobiliario, entre outros obxectos. “Unha parte do seu legado, testemuño histórico e inimitable do noso país”, apuntou.

Neste senso, a subdelegada recoñeceu que Forges “era un personaxe que formaba parte de todos nós, entrando nas nosas casas coas súas inesquecibles viñetas, contando como ninguén a realidade española e o sentir da poboación, dunha maneira sinxela, irónica e sutil, pero cargada de crítica e reflexión profunda”.

Na súa intervención, afirmou que este novo centro cultural supoñerá un auténtico revulsivo para o turismo e a economía desta zona da Montaña Lucense. “Unha oportunidade para que os turistas veñan a Fonsagrada e coñezan as súas paisaxes únicas, a súa gastronomía, os seus costumes e, sobre todo, a hospitalidade da súa xente”, subliñou Isabel Rodríguez.

“Como dicía o mestre nunha das súas viñetas: “A Fonsagrada a gran esquecida”. Hoxe damos un paso máis para reverter esta situación, reivindicando esta rexión da montaña lucense”, rematou.

No acto, ademais da subdelegada e o alcalde, tamén participaron os fillos de Forges, Berta, Antonio e Micaela; a directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro; o presidente do Museo Comarcal da Fonsagrada, Xoan Xosé Molina; e os arquitectos do proxecto, Adrián López e Daniel Gómez, así como numerosos veciños e veciñas.

Actuacións previstas no edificio
O edificio albergará non só o centro cultural de Forges con viñetas, debuxos, fotografías, libros e diferente material do aclamado artista gráfico, senón tamén a nova Oficina de Turismo, un salón de actos e diferentes espazos para usos municipais. Para iso, cos fondos do Goberno, o Concello da Fonsagrada levará a cabo traballos de consolidación e reforzo da estrutura do edificio, dotación de illamento térmico e renovación da carpintería. A intervención máis importante realizarase na parte traseira do edificio, onde se recuperará o patio histórico, cun sistema activo de control ambiental mediante a implantación dun patio-invernadero que permita a regulación da entrada de luz e a ventilación. Ademais, substituirase a antiga caldeira de gasoil por un sistema combinado de xeración fotovoltaica e caldera de biomasa. A obra ten que estar rematada antes de finais de setembro de 2024.

Exit mobile version