Site icon Crónica3.com A Mariña

Isabel Rodríguez defende a igualdade efectiva entre homes e mulleres como “un obxectivo prioritario e estratéxico para o Goberno”

Isabel Rodríguez instalou esta mañá unha pancarta conmemorativa do Día Internacional da Muller na fachada da Subdelegación do Goberno

Lugo, 6 de marzo de 2023. A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou hoxe que alcanzar a igualdade efectiva entre mulleres e homes é un obxectivo prioritario e estratéxico “para un Goberno profundamente feminista como o de España”, como o demostran as numerosas iniciativas políticas contra a discriminación postas en marcha polo Executivo, a última, a lei de representatividade paritaria entre homes e mulleres nos centros de decisión que se aprobará mañá no Consello de Ministros, “consolidando a España como un país referencia en igualdade de xénero en todo o mundo”.

Así o manifestou logo de instalar, esta mañá, unha pancarta conmemorativa do Día Internacional da Muller, que se celebra o 8 de marzo, na fachada da Subdelegación do Goberno. No acto, estivo acompañada pola xefa da Unidade contra a violencia sobre a muller, María Luisa Castro. Desta maneira, preténdese contribuír a visibilizar e sensibilizar socialmente o 8-M como unha data que reivindica os dereitos das mulleres e a igualdade real “porque a pesar dos numerosos avances conquistados aínda persisten moitas fendas de xénero que debemos eliminar para lograr unha sociedade xusta, igualitaria e inclusiva”, remarcou a subdelegada.

Con este acto, a Subdelegación do Goberno inicia a programación en torno ao Día Internacional da Muller, que se suma á lectura dunha declaración institucional o 8-M, e á celebración dunha xornada para dar a coñecer os dereitos da muller no eido laboral.

Igualdade laboral

A Subdelegación do Goberno organiza o vindeiro xoves, 16 de marzo, o relatorio `Actuacións da Inspección de Traballo en aras da Igualdade laboral´, que terá lugar ás 11:00 horas no salón de actos da Axencia Tributaria de Lugo. Nesta xornada participará a Inspectora de Traballo e Seguridade Social Olalla Ferreiro del Rey que abordará os controis que efectúa a Inspección de Traballo sobre o cumprimento da lexislación de igualdade laboral e a prevención de riscos laborais con perspectiva de xénero. A esta conferencia foron invitados os centros de información á muller, servizos sociais dos concellos da provincia, así como asociacións e colexios profesionais.

Exit mobile version