Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia advirte de que o futuro da frota pesqueira está en risco pola deriva de Bruxelas cara a políticas en exceso medioambientalistas sen base científica

O Goberno autonómico ve falta de autocrítica na avaliación que fai Bruxelas da Política Pesqueira Común pois non atende aos retos expostos polo Consello Galego de Pesca no seu ditame sobre unha norma que debe velar polo futuro da actividade

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, compareceu hoxe no Parlamento galego para avaliar as comunicacións en materia de pesca realizadas pola Comisión Europea o pasado 21 de febreiro e advertiu de que os plans de Bruxelas para esta actividade poñen en risco o futuro da frota pesqueira ao contar cunha excesiva visión medioambiental con medidas arbitrarias e sen avais científicos.

A titular de Mar, que interveu a petición propia na Cámara, incidiu en que os documentos elaborados polo Executivo comunitario inclúen un cúmulo de despropósitos e medidas que se pretenden adoptar en distintos eidos malia carecer de estudos sobre a situación real da que se parte ou dunha avaliación seria dos obxectivos que se pretenden acadar.

Trátase, engadiu, dunha serie de principios cos que, supostamente, se busca favorecer a actividade pesqueira e o labor dos pescadores pero que, paradoxalmente, son os principais prexudicados por estas medidas.

Ante esta situación, a representante do Executivo galego incidiu en que Galicia vai facer presión e manter contactos con múltiples instancias ao tempo que apoiará ao Goberno central na busca de aliados entre o resto de países da Unión Europea para crear un grupo de presión forte e frear as propostas sen sentido presentadas por Bruxelas.

Rosa Quintana lamentou que esas catro comunicacións realizadas pola Comisión Europea o pasado 21 de febreiro -unha avaliación da Política Pesqueira Común (PPC), outra da organización común de mercados dos produtos da pesca e da acuicultura, o plan de acción para protexer os ecosistemas mariños para unha pesca sustentable e a estratexia para a transición enerxética do sector pesqueiro da UE- mostran que certos departamentos da Comisión Europea, como a Comisaría de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, están desconectados da realidade.

Este feito, explicou a titular de Mar, quedou constatado no último Consello Galego de Pesca, no que se analizou unha nota xurídica encargada á Fundación MarInnLeg que certifica que as comunicacións do Executivo comunitario teñen numerosas eivas e se sustentan principalmente no aspecto medioambiental, esquecendo case por completo os eidos social e económico.

A representante da Xunta lembrou que unha das grandes apostas do comisario Virjinijus Sinkevicius é o plan de acción para protexer e restaurar os ecosistemas mariños, unha medida cun marcado cariz medioambiental e que se pretende adoptar malia carecer de información sobre o impacto da actividade pesqueira sobre os hábitats e especies, na liña do que xa se fixo coas 87 vedas á pesca de fondo en augas comunitarias.

Neste sentido, asegurou que a pretensión de prohibir o arrastre nas áreas mariñas protexidas antes de 2030 e no 20% das augas de cada estado membro xa en 2024 non pode considerarse un plan gradual. De feito, o seu impacto pode ser mortal para numerosas empresas que realizaron importantes investimentos nos últimos anos e que dun día para outro se ven privados dunha parte fundamental dos seus caladoiros.

A estratexia para a transición enerxética do sector, engadiu a conselleira, conta con eivas moi semellantes pois pretende chegar ao barco de futuro sen definir como, sen sinalar cales poderían ser as fontes de enerxía alternativas e sen ofrecer financiamento adicional para acelerar as investigacións. Este xeito de actuar, lamentou Rosa Quintana, non é serio e estase a converter nalgo habitual no seo da Comisión Europea.

Avaliación da PPC

A representante do Executivo galego tamén fixo referencia á avaliación da PPC feita por Bruxelas, na que botou en falta unha maior autocrítica posto que non se acadaron os obxectivos para os que foi deseñada e con numerosos retos -como a obriga de desembarque, a gobernanza, a igualdade de condicións entre as distintas frotas ou a remuda xeracional- aos que aínda non deu resposta.

Nesta liña, lamentou que a política pesqueira actual é incoherente, incompleta, ineficaz, inxusta e inconexa pois fala de garantir a seguridade alimentaria e dos produtos locais, pero adopta medidas que reducen a capacidade pesqueira e abren a porta ás importacións. No mesmo sentido, despreza totalmente o aspecto social da actividade pesqueira e acuícola pois fala de facer atractivo o sector para a xente nova, pero aposta en primeiro lugar pola eficiencia enerxética ou a busca de artes máis sostibles en vez de impulsar a seguridade e mellora real do benestar a bordo das embarcacións.

A titular de Mar salientou que a visión dada por Bruxelas da PPC dista moito do ditame elaborado no seo do Consello Galego de Pesca e non resolve ningún dos problemas expostos polo sector marítimo-pesqueiro galego. Por iso, apelou á necesidade de crear unha fronte común forte para frear as medidas máis lesivas promovidas pola Comisión Europea e incidiu en que Galicia defenderá os intereses da súa frota en todas as instancias igual que está a facer no caso do veto á pesca de fondo en 87 áreas de augas comunitarias.

Exit mobile version