As escolas de música de Burela, Mondoñedo, Xove, Ribadeo e Foz levarán cabo conxuntamente estes encontros de bandas, que se celebrarán este curso nos auditorios municipais de Burela e de Mondoñedo os días 15 e 29 de abril respectivamente. Dita iniciativa será caldo de cultivo para as relacións entre os alumnos pertencentes á materia de Banda das diferentes escolas da Mariña co fin de compartir en sociedade as vivencias musicais fóra do ámbito local.
Os directores das diferentes escolas, Xan Carballal (Burela e Mondoñedo), Hugo García (Ribadeo), Felipe Sánchez (Foz) e Xulia Nogueira (Xove), están moi contentos de levar a cabo a iniciativa xa que “aportará aspectos moi positivos ás relacións entre os diferentes centros ademais de enriquecer a formación dos participantes”.
Dende a Concellería de Cultura de Foz a edil Inés López Couto móstrase moi satisfeita co evento porque “creará sinerxías entre as escolas e producirá lazos entre as distintas agrupacións, moi bos para a comarca”. Ademais agradece “o traballo das direccións dos centros, así como a implicación dos profesores para poder levar a cabo estas iniciativas que redundan na mellora da calidade educativa”.