Foz, 16 de marzo de 2023. Do 17 ao 19 de marzo, do venres ao domingo, AciaFozCCA organiza unha fin de semana gastronómica dedicada ás tostas. Será coincidindo coa celebración da festividade de San Xosé e do día do pai.Nove locais hostaleiros ofrecerán tostas eses días ao prezo de 2,5 euros. Son: A Viela, Anduriña, Augas Santas, Bar 78, Marexada, Dandy, O Muelle, O Tangarte e Xoyma.
O presidente de AciaFozCCA, José Carlos Paleo, dixo que “o que queremos é animar esta fin de semana, que para moita xente será de celebracións tanto do día do pai como de San Xosé, ofrecendo unha proposta gastronómica dedicada ás tostas. Así podemos saír tomar algo, degustar unhas tostas e logo comer ou cear nos bares e restaurantes do noso pobo”.
Paleo subliñou que “o obxectivo é complementar a campaña que organizamos para o día do pai e na que imos sortear 1.500 euros en vales de compra entre aquelas persoas que estes días merquen nos locais que participan nesta cita. E o 23 de marzo en RadioFoz faremos o sorteo. Haberá 1 premio de 500 euros en vales de compra e 5 premios de 200 euros cada un tamén en vales de compra. Son cantidades importantes para afrontar a chegada da primavera e así poder darnos unha alegría mercando aquilo ao que xa lle temos botado o ollo nos escaparates de Foz”.
Nas campañas da Fin de Semana Gastronómica das Tostas e Día do Pai AciaFozCCA conta coa colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Foz.