As experiencias de Turismo Slow continúan este sábado, 25 de marzo, con dúas actividades moi diferentes. Por un lado o carpinteiro francés Sebástien Léprevost ofrecerá un obradoiro para coñecer todo o ciclo da madeira e fabricar unha pequena peza no seu taller de Ourol e, por outro Roqsport ofrece vivir unha experiencia diferente en familia e en plena natureza no seu Parque de Aventura de Viveiro, onde se poderán realizar os distintos circuítos de diferentes dificultades entre árbores atravesando pontes, pasarelas, tirolinas, etc e un percorrido de orientación con explicacións sobre o manexo do compás, interpretación de mapas, etc.
As actividades do Turismo Slow toman un descanso e volven despois da Semana Santa. O 15 de abril en Ribadeo Raíces Nómadas Atelier ofrece un obradoiro para aprender as técnicas básicas da marroquinería fina; coser a man, acabado de bordes e todo o preciso para que cada asistente elabore o seu propio bolso e o leve acabado. Coa posibilidade de ampliar a experiencia cunha estancia na Cortiña de Cantalarrana.
E o 22 e 23 de abril no Lugar das Marías en Xove, Iria Pigueiras ofrecerá un taller de iniciación á cerámica para coñecer de primeira man diferentes técnicas, materiais, texturas e pigmentos así como crear varias pezas deseñadas por cada asistente seguindo un proceso creativo dinámico e colaborativo, nun entorno excepcional como é a aldea e o xardín deste aloxamento. A experiencia inclúe merenda, pernoita, cea e almorzo.
É posible consultar información máis detallada sobre as actividades (horarios, prezos, etc) así como realizar a reserva, no seguinte enlace: https://www.reservaonline.support/turismoslow/index.html
As actuacións vinculadas a esta iniciativa, que teñen que ver principalmente coa coordinación e promoción do programa, están financiadas ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense, cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo en colaboración coa Deputación de Lugo.