Burela, 16 de marzo, 2023. Na xornada do martes levouse a cabo o fallo do Concurso Fotográfico do XXII Festival Imaxiña 22. Este concurso que se celebra dende o ano 2012 é unha iniciativa organizada pola Fundación Imdecum e na que colabora a Deputación de Lugo que pretende introducir aos mariñáns no ámbito audiovisual, ofrecéndolles a oportunidade de expresar o que senten pola súa terra a través da imaxe, empregando os soportes tecnolóxicos do seu día a día. Nesta edición, como en edicións anteriores, creáronse dúas categorías
diferenciadas: a categoría de “Estudantes” na que participaron os centros educativos da comarca mariñá, IES Alfoz-O Valadouro, IES Marqués de Sargadelos, IES Perdouro, IES Monte Castelo, IES María Sarmiento, IES Vilar Ponte, IES Dionisio Gamallo, IES Illa de Sarón e IES de Foz. E na categoría de “Asociacións” na que participaron ASPANANE, Fundación Eu Son, Asociación Saúde Mental A Mariña e Asociación Camiña. Cada categoría conta cun premio, un vale por 150€ para gastar en material fotográfico ou informático en Informática Lindín. Xs finalistas poderán desfrutar dunha actividade programada con Mateo Guerreiro no centro de ensino ou asociación á que pertenzan.
Sempre precedido por talleres e actividades para a preparación previa dos futuron concursantes, este ano da man de David Catá no IES de Alfoz, Xaime Miranda e Sabela Blanco en ASPANANE e, nun momento sorpresa postconcurso, Mateo Guerreiro na Asociación Saúde Mental A Mariña. Na mañá do mesmo día da entrega, no centro de día da asociación en Cervo, Mateo analizou as imaxes realizadas polos usuarios para o concurso á vez que lles demos a noticia do premio.
Ese mesmo día, pola tarde, na sede da Fundación Imdecum en Burela, tivo lugar a entrega de premios do concurso, á que asistiron finalistas e gañadorxs de ambas categorías cos seus/súas respectivxs mestrxs e traballadorxs das tres asociacións finalistas, Asociación Saúde Mental A Mariña, ASPANANE e Fundación Eu Son. O acto foi dirixido polo presidente da Fundación Imdecum, Marcelino Luna e coordinado por Alfonso Mera, tamén colaborador da entidade e director deportivo e preparador físico do Pescados Rubén Burela FS. Entregou os premios Mateo Guerreiro, artista natural de Xove, colaborador e membro do xurado do concurso.
Con cada ano máis participación, nesta edición presentáronse un total de 67 imaxes das que 52 correspóndense á categoría de “Estudantes” e 15 á de “Asociacións”. De todas foron seleccionadas polo xurado 3 finalistas de cada categoría. Na primeira categoría, a terceira finalista foi unha fotografía de Tania Verdes Chao, de 4º da ESO do IES Alfoz-O Valadouro. A segunda finalista foi Nerea Fernández Pazos, de 1º de bacharelato do IES Monte Castelo. A imaxe gañadora do concurso na categoría “Estudantes” foi un paxaro en branco e negro do burelés Jorge Fanego López, de 2º de bacharelato do IES Monte Castelo. Na categoría de “Asociacións” a terceira finalista foi a Fundación Eu Son, a segunda finalista foi ASPANANE e o primeiro premio e imaxe gañadora foi unha paisaxe de terra e mar da Terra Chá da Asociación Saúde Mental A Mariña. O xurado do concurso estivo composto polos artistas mariñáns Mateo Guerreiro, presente na entrega de premios, David Catá, Xaime Miranda e Sabela Blanco, tamén presente na mesma.