Site icon Crónica3.com A Mariña

“E hoxe que?”, por Inés López Couto

Si. Hoxe é o día seguinte ao Día Internacional da Muller. O día da resaca das manifestacións, reivindicacións, manifestos, etc. E hoxe que?

Hoxe seguimos levantándonos a traballar, as que temos a sorte de ter un traballo remunerado. As demais coidan, limpan, sachan, segan, etc. co único rendemento o obtido do froito do seu traballo, mais sen aspiración a poder mercar as súas propias medias. Hoxe seguimos sendo máis nas universidades, pero seguimos cunha fenda salarial e ocupando traballos con remuneracións menores.
Hoxe as nosas nenas teñen que escoitar que o mellor que poden facer é quedar na casa a coidar da familia, que xa as coidarán os seus maridos, e temos que seguir pelexando porque esa mensaxe non lles cale.

Hoxe seguimos redobrando esforzos para que sexamos tidas en conta para ocupar altos cargos. En palabras de Chimamanda Ngozi, “se só vemos a homes presidindo empresas comezará a parecernos natural que só haxa homes presidentes de empresas”.

Anúnciannos que o anteproxecto da nova lei de paridade imporá cotas do corenta por cento en órganos de goberno e listas electorais cremalleira. E non debemos ter medo de agarrar esas cotas. Algún día non as necesitaremos. Debemos manter unha loita que se leva a cabo historicamente. E non baixar a cabeza por ocupar un posto que merecemos. Debemos postularnos en lugares que, por normal xeral, ocupan homes. Non debe asustarnos que levanten a voz máis ca nos, ou que os seus argumentos non versen sobre o tema a tratar. É doloroso, é triste, pero, como dixo Concepción Arenal, “a dor é a dignidade da desgraza”. E a desgraza non é ser muller, a desgraza é ter que seguir loitando porque a muller sexa igual ca o home.

Non deixedes de loitar afoutas mulleres, o presente e o futuro son nosos.

Inés López Couto (2ª Tenente de Alcalde do Concello de Foz)

Exit mobile version