Site icon Crónica3.com A Mariña

Deron comezo en Ribadeo as actividades para conmemorar o 8M

Ribadeo, 6 de marzo de 2023. Hoxe deron comezo en Ribadeo as actividades para conmemorar o 8M.

A poeta Olga Novo, galardoada co premio Nacional de Poesía en 2020, visitou ao alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo e da Escola Oficial de Idiomas. O Concello colaborou coa organización desta actividade á que asistiu a concelleira de Igualdade.

Mónica Freire dixo que “as actividades de conmemoración do día internacional da muller continuarán o 8 de marzo coa manifestación feminista 8M, organizada por varios colectivos, que sairá ás 20:00 horas do aparcadoiro situado a carón da rotonda do instituto”.

A programación seguirá o 11 de marzo ás 20.00 horas no Auditorio Municipal Hernán Naval. Leilía traerá as súas Vidas Cantadas a Ribadeo, un concerto moi especial. Despois de máis de 30 anos sobre os escenarios as pioneiras Leilía están inmersas na súa xira de despedida. A entrada xeral terá un prezo de 10 euros e para persoas desempregadas, estudantes ou xubiladas será de 5 euros. Ao día seguinte, o 12 de marzo, Trinke Trinke Teatro representará O ratiño presumido ás 17:30 horas na Biblioteca Municipal O Vello Pancho. Trátase dunha versión adaptada do conto popular que aborda o tema da igualdade de xénero para romper cos estereotipos. A entrada será de balde ata completar a capacidade do espazo.

E a partir do 18 de marzo de 11 a 13:30 horas na Casa do Viejo Pancho terá lugar un obradoiro de biodanza para mulleres Movéndonos cara o botrato, que será impartido por Mari Fidalgo, psicóloga e facilitadora autorizada de Biodanza SRT. Esta actividade ten unha frecuencia quincenal con 4 sesións en total, os días 1, 15 e 29 de abril ademais do 18 de marzo . As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición que poderá facerse nas Oficinas do CIM ou no teléfono 982120739 ata o 10 de marzo. As clases son gratuítas.

Exit mobile version