O día 12 de maio a carreira e os concertos escolares lembrarán ao homenaxeado no Día das Letras Galegas
Lourenzá, 9 de marzo de 2023. A festa da lingua terá este ano unha parada especial en Lourenzá. O Correlingua renderá homenaxe a Francisco Fernández del Riego no súa localidade de orixe, grazas ao acordo entre as organizacións impulsoras de Correlingua e o Concello de Lourenzá. O Correlingua volve ás rúas este ano e animará unha ducia de cidades e vilas no vindeiro mes de maio, recuperando o seu formato clásico de carreiras e concertos para escolares. Correlingua está organizado por CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG.
Lourenzá terá en 2023 un protagonismo singular na celebración do Correlingua ao coincidir a cebración da festa da lingua para a rapazada e a celebración do Día das Letras Galegas que homenaxea a Francisco Fernández del Riego, quen naceu nesta localidade.
Na reunión para preparar a celebración do Correlingua en Lourenzá participaron a alcaldesa do concello, Rocío López García; Manuel Arango Ron, Concelleiro de Educación, Cultura, Normalización e Festexos; e a coordinadora de Correlingua na Mariña, Paula Ferreiro Pena.
Na reunión salientouse a importancia de combinar dúas celebracións en Lourenzá, Correlingua e o Día das Letras Galegas e tamén a participación e implicación nestas actividades da Mesa Coordinadora D. Paco e do colexio de Lourenzá, o CEIP Juan Rey. O vindeiro 12 de maio, Correlingua levará a Lourenzá a festa para que os alumnado participe na carreira andaina e para asistir a un concerto dos grupos seleccionados no concurso Cantalingua.
Calendario de carreiras e festas do Correlingua
xoves 4 Vigo
luns 8 A Coruña
martes 9 Ponteareas
mércores 10 Ourense
xoves 11 Lugo
venres 12 Lourenzá – A Mariña
luns 22 Monforte
martes 23 Ferrol
mércores 24 Pontevedra
xoves 25 Moaña
venres 26 Compostela
mércores 31 A Estrada
Outras actividade do Correlingua 2023
Regueifando!
Faremos unha gran regueifa colectiva.
Enviamos un titorial, crean e gravan 3 coplas na aula e mándase ao seguinte centro para que o continue. Ao final editamos un vídeo con todas as regueifas dos grupos participantes. Na edición do 2022 participaron 27 grupos doutros tantos centros de ensino de toda Galiza. Está actividade xa está en marcha en diversos centros de Galicia.
Desata a lingua.
Obradoiros de escrita creativa impartidos por escritoras en aulas de 1º e 2º da ESO
Desde hai xa dúas edicións comezamos con estes obradoiros coa intención de elaborar un manifesto colectivo. O manifesto desta edición é o resultado dese traballo feito nos centros no último trimestre do 2022. Os obradoiros que se fan no 2023 darán como resultado o manifesto do Correlingua 2024
CONCURSOS
Crealingua:
Concurso libre de creación artística en galego.
O Crealingua é unha ventá aberta ao idioma, agardamos o aire fresco en forma de Banda Deseñada, Tik Tok, vídeo, blog e toda aquela produción feita polo alumnado. Data límite para o envío do material: 15 de abril
O premio será unha clase maxistral cun/ha profesional do ámbito no que participe o grupo gañador.
Cantalingua.
Concurso de música en galego.
Os grupos musicales que queiran participar envían unha canción en galego e teñen de prazo ata o 12 de marzo. O xurado estará formado polas entidades organizadoras e o alumnado da ESO que queira formar parte, para iso teñen que enviar un correo solicitando a participación. Os 3 grupos gañadores serán os que animen todas as Festas do Correlingua 2023. Na edición do 2022 participaron 35 (grupos e solistas).
Manifesto Correlingua 2023
NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA
Podemos parecerche xente pequena, pero somos o futuro! Somos xente lista! Xente intelixente! E hoxe viñemos aquí a botar a lingua fóra! Porque a lingua que sacamos é a nosa: O GALEGO! Así que neste 2023 NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Queremos botar a lingua fóra diante de vós, as nosas familias, e pedirvos que vós tamén o fagades. Faládenos en galego, axudádenos a falalo, practicade con nós. Familias, ensinade a lingua e vide berrar ben alto: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Amamos o galego da mesma maneira que amamos todas a linguas e a súa riqueza, porque sabemos que cada lingua importa! NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Botamos a lingua fóra diante das nosas mestras e dos nosos mestres. Para que se vexa que queremos unha escola que respecte e defenda de verdade o galego. Por iso berramos: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Botamos a lingua para que se escriban máis páxinas en galego, que haxa en todas as teles presenza do galego, que nas radios se poña música en galego. Por iso hoxe berramos NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Botamos a lingua fóra para que a literatura galega chegue aos medios, ás librerías e bibliotecas. Para que as redes en galego medren e nos cheguen. Para que a arte creada en galego saia por todo o mundo. Por iso berramos: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Botamos a lingua fóra diante das institutións que teñen que defender o galego. Queremos vela nos documentos oficiais, no médico, nas tendas, nos medios, nos libros, nos videos, nas aplicacións…. Por iso berramos NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Hoxe podemos facelo e imos facelo: NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA. NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA.
Este manifesto é o resultado dos obradoiros Desata a lingua celebrados no 2022 no que participaron alumnas e alumnos do IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela), IES da Guía (Vigo), IES Chano Piñeiro (Forcarei), IES María Soliño (Cangas), IES Parga Pondal (Carballo), IES Ánxel Fole (Lugo), IES Fontem Albei (A Fonsagrada), IES de Xove (Xove). Os obradoiros foron impartidos polas escritoras María Lado, Ana Carreira e Lucía Aldao.