Os traballos realizados polo equipo multidisciplinar que está traballando nesa área arqueolóxica atoparon restos de pintura pariental de cor vermella ainda ben conservada pese a que a igrexa leva case cen anos abandonada. Este achádego augura a conservación de amplos murais decorativos nas partes baixas dos muros, especialmente na cabeceira, o que obriga a ser cautos coas intervencións a realizar, para evitar o seu deterioro ata acometer traballos de conservación futuros. A sondaxe arqueolóxica efectuada permitiu tamén recuperar a soleira que daba acceso á sacristía, hoxendía desaparecida, e parte do chan da igrexa de laxas de granito en regular estado de conservación. A tradición oral dos vecinos refire que o chan da antiga igrexa foi arrincado para reutilizalo no patio da igrexa nova, situada actualmente no núcleo de Vilachá.
Os traballos de limpeza detectaron tamén a existencia de dous elementos ornamentais con decoración vexetal no presbiteiro (o apoio do baldaquino ou da mesa do altar) dos que sorprende a súa conservación, dado o alto grao de espolio que sufriron os restos da igrexa tralo seu abandono.
Por último, os traballos de limpeza no cementerio permitiron detectar catro cruces grabadas sacralizando o lugar, probablemente cando deixou de funcionar como camposanto e de pechou o seu recinto.
Esta semana proseguirán os traballos de conservación restauración, que se alongarán ata finais de mes. Recordase que se poden facer visitas guiadas á intervención en grupos, contactado para fixar horario co concello de Xove, ou acudindo de luns a venres as 11.30 a entrada da área arqueolóxica de San Tirso de Portocelo.