As Xornadas de Corais Infantís, que nacen froito da paixón das xentes de Viveiro por esta música, iniciaranse este martes, día 28, coa actuación do Coro do CEIP de Celeiro. O concerto comezará as 17:30 horas no Salón de Actos do Conservatorio coa presenza das 50 voces que conforman o coro dirixidas pola profesora Marta Pérez Lage.
O segundo concerto celebrarase o venres 31, dende as 17:30 horas, tamén no Salón de Actos do Conservatorio. As 40 voces do Coro do colexio Lois Tobío de Viveiro estarán dirixidas polo profesor do centro Iván Vale Fraga.
“Con este tipo de actos amosamos o compromiso do Concello de Viveiro pola cultura en xeral e, neste caso particular, pola música, que está tan arraigada na nosa vila”, subliña a alcaldesa María Loureiro.
Por outra banda, o Conservatorio Profesional de Música impartirá nos meses de abril e de maio os cursos gratuítos para persoas adultas.
As actividades divídense entre o Curso de Iniciación, dirixido a persoas sen coñecementos previos que teñan inquietude por achegarse ao mundo da música dunha forma amateur, e o Curso de Entoación, para os veciñas e veciñas coñecedoras xa de linguaxe musical que queiran afondar nesta parte tan importante desta disciplina. Este último está especialmente deseñado para integrantes de coros.
Ambos cursos, organizados polo Concello de Viveiro, impartiranse nas dependencias do Conservatorio Profesional de Música por profesores especializados na materia.
Para poder formalizar a reserva de matrícula ou solicitar máis información os interesados deben dirixirse ao propio Conservatorio ou chamar ao teléfono 982 560 486.
O período de matrícula ábrese mañá venres, día 24, e permanecerá aberta ata o 31 de marzo.