O percorrido, de dificultade media-alta, será de 28 quilómetros e 1.200 metros de desnivel acumulado, e permitirá desfrutar de 4 circuítos acondicionados con moito esforzo polos membros do club nos últimos meses, coa colaboración da administración local
A cita deportiva foi presentada este mércores pola tenente alcalde, Dolores García Caramés, o edil delegado de Deportes, David Rodríguez, e polos membros do club organizador, Abel Ordás, Víctor Riera e Diego Ballesteros, na contorna da Ponte do Bao, en San Ciprián, un dos lugares polos que transcorre a carreira.
A proba, de dificultade media-alta, será de 28 quilómetros, e 1.200 metros de desnivel acumulado e permitirá desfrutar de 4 tramos perfectamente acondicionados polos membros do Club “que levan meses traballando no trazado para que ese día os amantes das dúas rodas poidan gozar dunha competición de primeiro nivel no Concello de Cervo”.
Neste senso, desde a organización, apuntan que “foron meses de traballo de campo moi duro, para poder acondicionar practicamente á man un trazado que tivemos que acortar lixeiramente con respecto a outros anos debido ás condicións nas que se atopaba o terreo e tamén porque somos un club modesto, moi pequeno, no que traballamos cóbado con cóbado catro persoas”. Con todo, a pesar de que foron catro meses duros de traballo, “cremos que o trazado -no que destacan os seus peraltes similares a un “bikepark”- será moi atractivo para os amantes e afeccionados do enduro”.
Caramés e Rodríguez quixeron agradecerlles unha vez máis aos integrantes da asociación o seu traballo “porque eles son os responsables do éxito desta competición á que dedican moitas horas do seu tempo logrando facer do noso municipio un marco excepcional para a práctica deste deporte”. Esta proba á que cada ano asisten uns 200 corredores –engadiron- “é unha excelente oportunidade tamén para dar a coñecer a riqueza paisaxística e o patrimonio natural que temos en Cervo”.
A saída está prevista para as 9:30 horas na Piscina de Lieiro. Os dorsais pódense recoller o sábado, día 4 de marzo, no restaurante O Noso Lar, en horario de 19:30 a 21:00 horas; e o mesmo día da proba, entre as 8:00 e as 9:15 horas, na piscina municipal. Hai un total de 250 prazas e as persoas interesadas poden inscribirse ata as 00:00 horas desta noite a través da web www.fgalegaciclismo.es, e podedes atopar máis información na páxina de facebook Club Medela Mtb.
Desde o club avanzan, que a modo de agradecemento cos corredores participantes, ao remate do último descenso ofrecerán carne á grella, cortesía da organización.