Burela, 29 de marzo, 2023. A candidata socialista deu a coñecer os 4 eixos do seu programa para Burela de cara ás municipais de maio.
1. Avanzaremos cara a unha Burela pensada para as persoas, que sexa atractiva para vivir e para traballar. Para iso é preciso a elaboración dun Plan de Mobilidade no que as persoas son o centro da planificación. A transformación urbana de BURELA para convertila nun espazo onde se viva mellor será a base do noso proxecto. Beirarrúas accesibles, amplas, sen obstáculos, vexetación controlada e ben situada que aproveite o ciclo da auga e máis zonas de esparexemento para os nosos veciños e veciñas. Rúas que potencien o comercio de proximidade e que prioricen a mobilidade activa dos veciños e veciñas.
2. Modernizaremos os edificios e instalacións municipais mellorándoos enerxéticamente. Debemos potenciar a instalación de enerxía solar. Continuaremos substituíndo puntos de luz por luminarias led que permitan un importante aforro enerxético e maior luminosidade. Faremos reformas integrais en zonas verdes como o Parque Rosalía de Castro e propoñeremos concursos de ideas para actuacións concretas como a de cubrir a Praza da Mariña cunha estrutura que permita o paso da luz; así poderemos pasar tempo nela nun día de choiva e posuiremos un lugar para dinamizar actividades e fomentar eventos sen ter que depender das inclemencias do tempo.
3. Faremos as xestións necesarias para por en valor o noso patrimonio cultural, xa que é a nosa herdanza, debemos facer actuacións para dar a coñecer a Burela Castrexa, así como o casco antigo da nosa vila, composto polos barrios de Burela de Cabo, Vila do Medio, Vilar e O Porto. É importante coñecer, protexer e transmitir os bens que temos.
4. Temos unha folla de ruta clara e un proxecto definido que abarca melloras a todos os niveis e en todas as áreas, no que a participación e a escoita dos cidadáns é fundamental. Debemos detectar necesidades e conseguir solucións para facilitarlle a vida aos nosos veciños e veciñas. A información e unha ampla comunicación cos organismos superiores será vital para xestionar as axudas necesarias que permitan facer realidade o proxecto da Burela que queremos.