Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Liberdade de expresión e cultura do cancelamento”, por Xoán Antón Pérez Lema

Coñecemos como cancel culture (cultura do cancelamento) o fenómeno polo que amplos grupos de persoas, estruturados arredor das redes sociais, expresan dun xeito coordinado o seu radical desacordo coas actitudes ou opinións de determinada persoa (normalmente alguén instalado nun lugar de relativo prestixio social) para acadar o obxectivo de que perda ou diminúa a súa tribuna de opinión-ou cátedra- e/ou sexa removido pola súa empresa ou organización do seu posto máis ou nenos directivo ou representativo. O fenómeno acadou amplo desenvolvemento coas campañas feminista do #metoo e antiracista do #blacklivesmatter.

Esta cultura do cancelamento permitiu unha máis ampla difusión dos valores feministas e antiracistas, mais os seus excesos fanan non poucas veces os propios alicerces da liberdade de expresión e xeran importantes danos colaterais precisamente por se desenvolver sen as garantias da posibilidade dun proceso de debate xusto e contradictorio, negándolle aos cancelados a posibilidade de defensa ou réplica. Velaí, neste senso, o manifesto asinado por máis de 150 pensadores e intelectuais (entre eleso lingüista Noah Chomsky ou a escritora J. K. Rawling) no 2020 denunciando estes excesos.

Cómpre evitarmos simplistas adhesións ou condenas globais. Non poucos procesos de cancelamento amosan a resposta de milleiros de persoas ausentes ou excluídas da Academia e dos media mainstream empregando a única arma da que dispoñen: a expresión coordinada nas redes sociais. Na descualificación global da cultura do cancelamento, neste senso, abrolla ás veces unha vontade dos intelectuais sistémicos por bloquear o acceso de novas voces e opinións, nomeadamente das dos colectivos excluídos ou em risco de exclusión.

Porén, a liberdade de expresión habería ser quen de limitar eficazmente os efectos prexudiciais dos procesos de cancelamento. A libre opinión, creación artística e literaria e investigación científica non ten máis límites no sistema xurídico europeo ca os dos delictos de odio. Entón, a difusión de novas ou opinións que obxectivamente sinalen para despersonalizalas a persoas só pola súa común pertenza a un colectivo histórica ou actualmente excluído ou vulnerábel non están abeiradas na liberdade de expresión e así o ten expresado unha manchea de veces a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos. Porque, logo do sinalamento e da despersonalización, ven moitas veces a exclusión da maioría que conleva a cidadanía real e despois pode vir a agresión, dende a illada e individual até a colectiva e sistémica. O proceso é moi semellante ao do bullying escolar por todos coñecido.

Neste senso, os procesos de cancelamento que denuncien opinións e comportamentos favorábeis a este sinalamento e despersonalización de colectivos excluídos ou vulnerábeis non haberían ser considerados atentatorios contra a liberdade de expresión. Velaí, entón, o límite.

Exit mobile version