Burela, 16 de marzo, 2023. Neste ano 2023 fai 75 anos a primeira grande obra narrativa da literatura de Cabo Verde. Trátase de Chiquinho, unha novela escrita por Baltasar Lopes da Silva que viu a luz en 1947. A obra marcou o inicio da literatura caboverdiana, cubrindo temas locais e da cultura crioula.
Este martes Burela acolleu a celebración do primeiro ‘Día da Literatura Caboverdiana’. A partir das dez da mañá comezou na biblioteca do IES Perdouro unha lectura continuada de Chiquinho a cargo de duascentas persoas, entre as que se atopaban os alumnos e alumnas do centro. Na inauguración participaron unha estudante -Noemy dos Reis Cardoso Borges-, a profesora de Lingua Portuguesa -Vanesa Vila Verde-, o alcalde de Burela -Alfredo Llano- e a Conselleira da Embaixada de Cabo Verde, Odette Alves.
O proxecto de intervención educativa Modelo Burela destaca que “por primeira vez na historia, o máis universal dos nenos caboverdianos falou en público no seu idioma propio: o caboverdiano, resultado da síntese do galego-português e das línguas africanas dos poboadores do arquipélago”. As palabras do discurso foron preparadas para a ocasión por Edilson Sanches Tavares, estudante de Linguas Modernas na Universidade de Santiago, e por Noemy dos Reis Cardoso Borges, a estudante encargada de abrir o encontro poñendo voz a ese fragmento en caboverdiano.
A lectura tivo unha duración de oito horas nas que Burela se converteu “na capital cultural da expresión galego-lusófona”
No acto tamén interviñeron o escritor Séchu Sende, estreitamente interesado na literatura africana desde a etapa da adolescencia; un grupo de alumnos e alumnas do Instituto Marco de Camballón, de Vila de Cruces; a politóloga Susana Basanta; Natalia Irimia, coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística do IES Perdouro; e o profesor Lourenço Gomes, da Universidade de Cabo Verde, que falou a través dunha videoconferencia.
A través de vídeos tamén se escoitou a voz de Christian Salles, do Río de Janeiro, un historiador brasileiro moi activo nas redes de comunicación no espazo galego-lusófono, e tamén a da profesora e escritora Laura Ramos Cuba, formada nas aulas do IES Perdouro.
Un dos momentos máis especiais tivo lugar ás tres da tarde, cando o Chiquinho reuniu na mesma mesa dúas autoridades da cultura en Burela: Rocío Rivera Seara, da Asociación Cultural Ledicia, e Antonina Semedo, unha das fundadoras de Batuko Tabanka.
Entre as últimas persoas que participaron na lectura, ocupándose polo tanto de ler as derradeiras páxinas do libro, estiveron a futbolista Jozie, do Burela FS; o director de Edicións Positivas, Francisco Macías; e en representación da USC as profesoras Helena González, Felisa R. Prado e Elías Torres, decano da Facultade de Filoloxía.
As tres últimas lecturas e intervencións corresponderon a María José Pardiñas, directora do IES Perdouro, a Francisco Pereira, deputado do Parlamento de Cabo Verde, que viaxou expresamente a Burela para participar nesta celebración, e ao Excelentísimo sr. Ney Cardoso, embaixador de Cabo Verde, que se conectou vía videoconferencia e que alentou o profesorado a investir no futuro dos mozos caboverdianos “porque é investir no futuro da colectividade”.
Despois da repercusión e emotividade da xornada, tanto o deputado Francisco Pereira como o embaixador destacaron unha cita de Fernando Pessoa: “Todo vale a pena cando a alma non é pequena”.