Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiros encherá de cor a Praza do Concello no Día Internacional das Mulleres

Barreiros, 1 de marzo de 2023. O Concello de Barreiros encherá de cor as árbores e demais mobiliario urbano da súa praza para conmemorar o 8 de marzo, día internacional das mulleres.

A iniciativa promovida desde a administración local consistirá en “vestir” unha das árbores situada na Praza do Concello e parte dos enseres urbanos con pezas tecidas principalmente polas mulleres barreirenses que, de xeito interxeracional, colaborarán entre si para lograr o obxectivo común de embelecer e humanizar os espazos públicos.

A concelleira de igualdade, Montse Porteiro, explica que “esta actividades está enmarcada dentro do programa + Igualdade Barreiros e pretende facer das nosas prazas e espazos públicos lugares máis cálidos e acolledores, enchelos de vida e ao mesmo tempo conmemorar este día poñendo no centro ás mulleres”. Segundo explica Porteiro, a idea que se tenta transmitir é que as mulleres somos quen de, a través de xestos como tecer a man pequenas pezas cheas de cor, coidar e apreciar os nosos espazos públicos; ao igual que coidamos e transmitimos amor ás persoas; a través do colaboracionismo, a empatía e o compañeirismo “logramos facer algo grande con pequenos xestos, transformando o mundo desde o noso pobo”.

Este movemento artístico, chamado bombardeo de fíos ou “yarn bombing”, é unha forma de arte urbano que se remonta ao século XIX coma un xeito de resistencia feminina contra a revolución industrial que foi relegando as producións artesanais de bordado ou tecido, asociándoas ao traballo doméstico e quitándolle por iso o seu valor nun mundo que devaluaba ás mulleres. Co rexurdir do movemento feminista, a partir dos anos 70, mulleres pioneiras na como Magda Sayeg ou Judy Chicago introducen estas prácticas nun desexo de reivindicar a creatividade feminina, levando aos espazos públicos procedementos que estaban relegados ao ámbito doméstico.

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, incide na importancia de reivindicar ese espíritu loitador caracteriza ás mulleres e que nos leva a crear en común, “sumando esforzos para multiplicar resultados, e así faremos o vindeiro 8 de marzo na praza do concello, trala lectura do manifesto institucional ás 12:30 horas.” A alcaldesa sinala que con este tipo de actos pretenden “iniciar un proxecto que simboliza a posibilidade de converter en realidades os nosos soños”.

Para rematar o mes adicado ás mulleres, o sábado 1 de abril ás 19 horas, representarase no Centro Sociocultural a obra de teatro “El virus de la violencia”, escrita e dirixida por Marina Wainer, a cargo da compañía de teatro arxentina “El Vacío Fértil”.

Exit mobile version