Site icon Crónica3.com A Mariña

As mulleres da CIG sairán á rúa o 8M en Burela co lema “A crise non a imos pagar as traballadoras”

O vindeiro 8 de marzo baixo o lema “A crise non a imos pagar as traballadoras”, as mulleres da CIG denunciaremos a precariedade laboral que sufrimos nun contexto de crise económica e alza de prezos que xa é insostíbel

A Mariña, 3 de marzo, 2023. Con esta mobilización a CIG quere lanzar unha mensaxe contundente aos gobernos “A crise non a imos pagar as traballadoras.”

8 motivos para a Mobilización no 8M

Sobran os motivos para a Mobilización no Día da Muller Traballadora.
E é que as mulleres traballadoras estamos a sufrir unha fenda salarial persistente ao longo dos anos, acadando un 19% no 2021.

As mulleres soportamos unha maior precariedade e parcialidade na contratación, chegando a que 1 de cada 4 traballadoras temos contratos parciais, frente a unha taxa de 1-16 no caso dos homes.
O desemprego feminino acada cotas un 16% superiores ao masculino. No mes de xaneiro do 2023 o 77% das persoas que pasaron a desemprego foron mulleres.

A próxima reforma de pensións non vai reducir a fenda de xénero que xa existe se con ela se incrementa o período de cálculo, pois a inestabilidade e precariedade laboral, así como reducións de xornada, permisos e excedencias por conciliación afectan en maior medida ás mulleres.
A precariedade laboral afecta de modo especial ás mozas, abocándoas á emigración.

Que os traballos feminizados sexan os que teñen salarios máis baixos demostran unha discriminación salarial que infravalora o traballo das mulleres.

A carestía da vida, cunha suba inxustificada de bens de primeira necesidade, empobrece en maior medida ás mulleres, pola precariedade, temporalidade e diversas fendas de xénero que fan que as taxas de pobreza feminina acaden valores que fan difícil manter unha vida digna, mesmo para aquelas que teñen un traballo remunerado.

Os recortes dos servizos públicos afectan de modo máis lesivo ás mulleres, pois non dispor dun modelo público de asistencia social para o coidado de crianzas e maiores empúrranos fóra do mercado laboral.

Por estes motivos a CIG A Mariña convoca unha CONCENTRACIÓN o 8 de Marzo, ás 11 horas diante do Concello de Burela.

Exit mobile version