Site icon Crónica3.com A Mariña

Aprobado un acordo de colaboración entre Deputación e Concello de Ourol para arranxar os danos ocasionados polas fortes chuvias do mes de xaneiro en dúas estradas municipais

Lugo, 31 de xaneiro, 2023. A Xunta de Goberno de hoxe aprobou un importante acordo de colaboración entre a Deputación de Lugo e o Concello de Ourol para arranxar os danos ocasionados polas fortes chuvias do mes de xaneiro en dúas estradas municipais. A Deputación achegará 123.500€, o que representa máis do 92% do coste total das obras, mentres que o Concello aporta os 10.000€ restantes.

En concreto, vaise traballar en dous puntos. Na estrada municipal que vai da Ponte de Betanzos a Borra, no Rego da Veiga. Aquí, a estrada veuse abaixo e vai ser necesario colocar un novo marco prefabricado de formigón, instalarase unha valla de seguridade e repoñerase o firme.

Tamén se vai reconstruír a estrada municipal do Porcado, derrubada nun tramo polas choivas. Aquí colocarase un novo tubo de formigón coa súa estrutura e a continuación vaise repoñer o firme.

A Deputada, Pilar García Porto, explicou que este acordo responde “ao firme compromiso de colaboración que mantemos dende a Deputación cos concellos da provincia, neste caso para que o de Ourol poida facer fronte ós efectos dunha emerxencia para a que non ten capacidade económica só cos recursos municipais”.

Exit mobile version