A encargada de explicar a devandita proposta foi a concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire. Na quenda de intervencións o alcalde, Fernando Suárez, insistiu en que a Consellería de Política Social “non respondeu nunca aos escritos que desde o Concello lle enviamos en demanda de axuda para poder acometer a reforma do Hospital Asilo de Ribadeo”. O rexedor avogou pola sinatura dun convenio interadministrativo para a execución duns traballos que suporán máis de 1,6 millóns de euros, sen contar o investimento no mobiliario.
Suárez Barcia insistiu en que “o Concello solicitou hai meses unha axuda económica a través dunha liña de Fondos NextGeneration ao Goberno do Estado” e pediu que “a Xunta de Galicia aclare a cantidade económica que está disposta a destinar ao Hospital Asilo de Ribadeo e que concrete a qué centros máis próximos serán desviadas as usuarias e os usuarios desta instalación, mentres de realicen as obras de reforma”.
O alcalde criticou a forma de proceder da Xunta de Galicia en todo este asunto: “onte pola tarde enviaron un correo electrónico ao técnico de Servizos Sociais citándoo a unha xuntanza a vindeira semana. Non seguiron para nada os cauces oficiais do que ten que ser a comunicación entre institucións e este mediodía uns minutos antes de empezar este pleno envían outro correo, un pouco máis formal, tras anos e meses sen saber nada da Consellería de Política Social. A vindeira semana acudiremos a esa reunión”.
Fernando Suárez dixo que “o Concello lle remitirá á Xunta de Galicia, empregando o rexistro electrónico, o acordo plenario acadado no día de hoxe por unanimidade”.