O Instituto de Estudos do Territorio esgotará o orzamento reservado para a convocatoria de 2023 e prevé notificar todas as resolucións antes de rematar marzo
Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou en Mondoñedo un edificio municipal rehabilitado o ano pasado polo Goberno local precisamente grazas a estas axudas e co fin de destinalo a usos culturais vencellados co Camiño de Santiago.
Acompañada do alcalde do municipio, Manuel Otero, a responsable autonómica explicou que o pasado mes de xaneiro o Instituto de Estudos do Territorio (IET) convocou por terceiro ano consecutivo dúas ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos: unha dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes e a outra, a propietarios particulares.
No caso concreto da liña reservada ás entidades locais, a responsable autonómica indicou que, unha vez realizadas por parte do IET todas as propostas de resolución, a previsión é que o orzamento reservado para este ano —1 millón de euros— volva esgotarse e permita axudar a preto de 50 municipios na execución de máis de 60 intervencións exteriores sobre edificios, equipamentos públicos e elementos etnográficos municipais como fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos.
Neste sentido, explicou que a intención do organismo autonómico é notificar as concesións a todos os concellos beneficiarios este mesmo mes de marzo co fin de que poidan iniciar as actuacións subvencionables o antes posible.
Así e tras subliñar a boa acollida que tiveron estas axudas desde a súa primeira convocatoria, no ano 2021, Ángeles Vázquez enmarcou a iniciativa na aposta decidida da Xunta polo fermosismo e nas súas políticas de apoio ás entidades locais, ás que agradeceu o interese e implicación demostrados para avanzar na mellora das súas instalacións e na protección da paisaxe.
A tal fin, lembrou que a orde de axudas incluía dúas liñas de actuación: unha reservada para obras coas que emendar posibles impactos paisaxísticos en edificios e dependencias destinadas a servizos municipais; e outra, para melloras en construcións, equipamentos públicos e bens que integren o patrimonio etnográfico local, facendo especial fincapé en elementos como fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros.
O importe destes incentivos é de ata 20.000 euros por liña —o 70% do custo total estimado das obras— de xeito que os concellos beneficiarios este ano poderán recibir ata 40.000 euros, como máximo, para intervir sobre dependencias e equipamentos públicos municipais que, polo seu aspecto ou o deterioro derivado do paso do tempo, produzan unha distorsión na paisaxe onde se localizan.
No caso de Mondoñedo, a intervención realizada centrouse nunha vivenda tradicional en estado ruinoso que foi habilitada para usos culturais. As actuacións executadas no edificio —para as que o Concello de Mondoñedo recibiu unha axuda de 20.000 euros do IET ao abeiro da convocatoria de axudas de 2022— incluíron o derrubo da estrutura da cuberta e a súa reposición con madeira, pintado exterior, reparación da porta de acceso a vivenda e da única fiestra existente, e reconstrución da fachada posterior con cachotería de pezas de lousa e cuarcita, así como un beirado de pedra.