Site icon Crónica3.com A Mariña

“Amnesia”, por Bernardo Fraga

Díceme nos medios a Alcaldesa María Loureiro, que teño amnesia electoral, por supostamente botarlle a culpa ao seu goberno do retraso na aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

Confeso que é certo. Teño amnesia total, non me lembro de nada.

Nin sequera son capaz de lembrar que ela é a Concelleira de Urbanismo dende o ano 2007(16 anos nada menos).

Tampouco me lembro que o PSOE en 20 anos de goberno non foi quen de aprobar o Plan Xeral e que a culpa é toda da Xunta, e que Viveiro fixo todo ben sempre.

Non me lembro tampouco, de mediar entre ela e o portavoz do PP, Oscar Rodriguez, para chegar a un acordo para desbloquear o plan co trazado da variante, xa que non eran capaces nin de falar entre eles polo beneficio xeral de Viveiro. É triste, pero ambos están acomodados coa confrontación permanente co PP da Xunta, e quen perde sempre é o pobo de Viveiro.

Tampouco me lembro de que nos últimos 4 anos houbo 7 reunións para tratar o Plan Xeral. Tantas que case quedan reventados de tanto traballar para aprobalo.

E non me lembro, dos múltiples atrancos do PP na Xunta, que os segue habendo, con cada informe sectorial. Pero Ribadeo, Foz, Xove, Vicedo, Burela e máis concellos da Mariña, teñen o seu plan en vigor fai anos, e o goberno da Xunta é o mesmo para todos.

Esquecín por completo, que Por Viveiro somos 2 concelleiros, que sempre intentamos e intentaremos construir e chegar a acordos polo ben de Viveiro, con quen faga falta, sen medo, sen ataduras e sen miopía ideolóxica.

A amnesia non me deixa lembrar que o 28 de maio hai eleccións, é que nós apostamos por un cambio necesario, cunha forza local, porque cada vez somos máis as veciñas e veciños, fartos de que os dous grandes partidos deixaran a Viveiro nunha posición de decadencia total.

Teñan vostedes coidado, Psoe e Pp, coa amnesia electoral, non vaian espertar un luns, sen nada que gobernar, porque as veciñas e veciños non se lembraron de lles votar.

Bernardo Fraga, portavoz de Por Viveiro

Exit mobile version