Ribadeo, 1 de marzo, 2023. Unha nova sesión de programa EUROSCOLA o 28 de febreiro permitiu debater a alumnado de toda Europa sobre a problemática da alimentación e as posibles estratexias que a Unión Europea está estudando para conseguir facelo sostible.
Nesta ocasión foron 5 os centros españois seleccionados para participar xunto a outros representantes de distintos países de Europa. Unha conexión en directo desde a sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, nun acto presentado pola presidenta Roberta Metsola que eloxiou o interese e o esforzo dos xoves estudantes e os animou para contribuír a un futuro de progreso e paz que sirva como modelo ao resto do mundo.
Entramos xa no tema proposto coa intervención de Antonio Albadalejo Román analista de políticas pertencente á Dirección Xeral de Servizos de Investigación Parlamentaria do PE que fixo unha exposición das liñas xerais de intervención e tamén das moitas dificultades ás que teremos que enfrontarmos ata conseguir a sostibilidade do sistema. Un sistema que ten acadado altos niveis de seguridade alimentaria, inocuidade dos alimentos e unha variada elección para o consumidor pero que dista moito de ser sostible en termos de factores ambientais, económicos e sociais.
Unha segunda intervención permitiunos coñecer a Delara BURKHADRT do S&D, que contestou as preguntas do alumnado tanto do que asistía en persoa na propia sede como do conectado por internet, a través dunha plataforma exclusiva de comunicación do PE. Houbo preguntas de todo tipo: o que gaña, como vive, en que consiste o seu traballo, como son os e as colegas, as discusións que manteñen, as solucións que propoñen,… incluso houbo quen preguntou directamente as razóns polas que non poden poñer fin á guerra en Ucraína…
Para pechar a xornada volveu falar Antonio Albadalejo que fixo unha defensa da participación cidadá e aportou razóns para animar aos xoves a tomar conciencia da realidade política e social que vivimos e fixo un chamamento para votar nas vindeiras eleccións europeas do 2024 como unha forma de defender a Democracia.
Unha exclusiva, formativa, plural e instrutiva xornada que agardamos sirva de acicate na formación de cidadáns comprometidos co presente e que queiran aprender a responsabilizarse do seu futuro. No noso caso concreto, unha lección de política europea para 40 alumnos e alumnas ribadenses de 1º de bacharelato do IES Ribadeo Dionisio Gamallo.