A obra ampliará 4.000 m2 e reformará outros 8.200, con importantes aumentos nas áreas de urxencias, radioloxía, laboratorio ou docencia
Burela, 24 de marzo de 2023. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou ao persoal do centro o proxecto arquitectónico das fases II e III do Plan director do Hospital da Mariña, no que a Xunta de Galicia investirá 30 millóns de euros para completar a reforma deste centro da rede do Servizo Galego de Saúde. Estes 30 millóns engádense aos 19 investidos nas obras previas. No acto, o titular da carteira sanitaria estivo acompañado polo delegado da Xunta, Javier Arias Fouz, e polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares Rico, así como pola directora do distrito da Mariña, María José Cortes Canay.
A obra ampliará 4.000 m2 e reformará outros 8.200, con importantes aumentos nas áreas de urxencias, radioloxía, laboratorio ou docencia. En concreto, -remarcou o conselleiro-, “ampliarase nun 14% a superficie do hospital de día polivalente, nun 20% a superficie das urxencias e mailo PAC, noutro 20% a zona de radioloxía, nun 23% a área de anatomía patolóxica, nun 26% o espazo do laboratorio, e ata un 40% a área de cirurxía maior ambulatoria”.
Polo tanto, -dixo Comesaña-, esta ampliación “quere dicir que a Xunta aposta por reforzar os servizos fundamentais deste hospital, porque cre no seu futuro e na súa capacidade de crecemento”.
Tamén a Xunta ampliará a capacidade de formación do hospital, cunha área con tres aulas, biblioteca e salón de actos, para que se converta no centro neurálxico da formación e innovación sanitarias neste distrito. Quremos, -remarcou o conselleiro-, “un hospital con máis capacidade formativa, con máis residentes, con máis sesións clínicas, ponencias, congresos, estudos e innovación”.
Reorganización de espazos
Tal e como detallou o conselleiro, o hospital de día polivalente situarase no andar 0, en continuidade co hospital de día oncohematolóxico que se instalou nese mesmo andar do edificio rematado en 2020. Igualmente, a área das consultas externas de alerxias, otorrino ou saúde mental sitúase en conexión coas consultas externas do andar 0 do edificio da fase 1. E ocorre o mesmo no primeiro andar, onde as salas de recuperación de endoscopias e as consultas de uroloxía e xinecoloxía conectaranse coa zona de consultas externas do outro edificio.
Comesaña sinalou, así mesmo, que o laboratorio non só medra, senón que a súa localización no andar 0 permite integrar as áreas de análises clínicas, microbioloxía e hematoloxía. Pola súa banda, o espazo que deixa libre o laboratorio no primeiro andar serve para facilitar o crecemento das áreas de radiodiagnóstico e urxencias. Finalmente, no segundo andar concéntranse todos os servizos de pediatría, desde a hospitalización convencional ata a UCI pediátrica e de neonatos, próximos aos paritorios e aos quirófanos.
A todo isto súmanse, -proseguiu o conselleiro-, a mencionada ampliación, de ata un 40%, da superficie da área de cirurxía maior ambulatoria, a reforma completa da UCI e a renovación total das centrais eléctricas e de climatización do hospital, instalando novos equipos de aerotermia, en coherencia coa obra de eficiencia enerxética rematada en 2021.
En consecuencia, -dixo Comesaña-, “a culminación desta reforma suporá aumentar a superficie do hospital case un 70%, pasando dos 16.700 m2 que tiña en 2015 aos 28.200 cos que rematará tras esta última actuación; e teremos investido en total case 50 millóns de euros nas distintas fases deste proceso de renovación integral”.
Reforzo de persoal e aparataxe
O conselleiro remarcou que “non é doado atopar persoal para os hospitais comarcais”. Así, o Goberno de España tiña o compromiso dende 2018 de pactar uns criterios de definición de prazas de difícil cobertura, “e non o fixo ata esta mesma semana”. A Xunta sí actuou e, dende 2019, comezou a premiar cunha puntuación adicional nas ofertas públicas de emprego o esforzo dos profesionais que están a prestar servizo nos hospitais comarcais. Así mesmo, dende 2021, o Executivo galego valora o tempo traballado nos hospitais comarcais á hora de facilitar ao persoal o avance nos graos de carreira profesional.
O responsable do Sergas incidiu en que, o ano pasado, a Xunta deu un paso máis e levou ao Parlamento unha lei de medidas extraordinarias para as prazas de difícil cobertura, que permitiu aprobar esta mesma semana, no Consello da Xunta, unha oferta de emprego, por concurso de méritos, de prazas fixas para especialistas médicos nos hospitais comarcais.
En concreto, para o hospital da Mariña son un total de 20 prazas, das que 4 son de medicina interna, 2 de xinecoloxía, 2 de pediatría, 2 de medicina de urxencias, e unha das especialidades de alergoloxía, cardioloxía, cirurxía xeral e dixestiva, hematoloxía, nefroloxía, neuroloxía, psiquiatría, radiodiagnóstico, traumatoloxía e uroloxía. Tamén destacou o conselleiro o investimento en dotación tecnolóxica, como a nova resonancia e o novo TAC.
Por tanto, á volta do verán, o Hospital da Mariña terá 20 novos facultativos con praza fixa que van permanecer no centro durante, polo menos, dous anos, “o que nos permitirá ofrecerlle ás preto de 70.000 persoas que son destinatarias da asistencia deste hospital non so un centro renovado na infraestrutura, senón, tamén, puxante en materia de persoal”.