Cambiouse o chan dos dormitorios, que tamén contan con camas novas
A Pontenova, 29 de marzo de 2023. A Xunta de Galicia completou a renovación de dormitorios da vivenda comunitaria da Pontenova, pertencente á rede pública do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O ente autonómico destinou preto de 21.000 euros a acometer esta actuación coa que se mellora a comodidade e benestar dos usuarios deste servizo residencial.
Os traballos consistiron no levantamento do pavimento de parquet nos dormitorios que o tiñan máis deteriorado. Este substituíuse por chan de vinilo e colocáronse novos rodapés. Ademais, pintáronse os distribuidores das zonas comúns do centro. Con esta intervención culmínase a mellora das habitacións desta vivenda comunitaria, xa que con anterioridade se renovaron as camas.
Esta actuación forma parte do programa de melloras e mantemento que se desenvolve nos servizos que dependen do Consorcio: vivendas comunitarias, residencias, centros de día e escolas infantís. A finalidade deste programa é que as persoas usuarias teñan á súa disposición os mellores equipamentos onde recibir uns coidados e unha atención de calidade.
A vivenda comunitaria da Pontenova ten capacidade para aloxar a un máximo de 24 persoas e na actualidade conta con nove residentes. É un servizo de ámbito comarcal, dirixido tanto aos veciños deste concello como aos que residen en municipios limítrofes.