Tamén se amplían as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador
Lugo, 21 de marzo de 2023. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou esta mañá o negocio lucense Biobocado, dedicado á comida ecolóxica de proximidade, de tempada e saudable para levar, onde coñeceu o proxecto de innovación realizado co apoio da Xunta de Galicia a través da convocatoria de Bonos de innovación 2022. En concreto, a autónoma Noelia Ron recibiu unha axuda de 40.000 euros para a contratación de servizos externos para o desenvolvemento dun produto de pastelaría saudable sen glute e vegano, formulado a partir de ingredientes naturais, sen aditivos, sen azucres refinados, novidosos no uso en alimentación, a partir de fariñas de legumes, sementes, hortalizas e flores. Este novo produto de confitaría envasado permitiralle ampliar o ámbito territorial grazas a unha maior conservación e á posibilidade de venda tanto en puntos físicos especializados como en liña.
A directora da Axencia Galega de Innovación destacou que precisamente o obxectivo dos Bonos de innovación é incorporar por primeira vez a innovación na estratexia de pemes e micropemes a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de innovación a curto prazo. De feito, das 66 pemes e microempresas beneficiarias en 2022, un 83% foron micro e pequenas empresas e un 67% foi a primeira vez que recibían axudas da Axencia Galega de Innovación.
A edición de 2023 de Bonos de Innovación conta cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar máis dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes. Como principais novidades nesta convocatoria amplíanse os posibles beneficiarios ás entidades do terceiro sector, sempre que teñan actividade económica, e amplíanse as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador.
Ademais, para axilizar a tramitación apóstase por unha maior simplificación administrativa e o prazo de solicitude é de dous meses, ata o vindeiro 10 de abril. Por último, as entidades localizadas nos Concellos Emprendedores da Xunta de Galicia contarán con puntuación adicional segundo os criterios de baremación. Este ano continúan as tres liñas de apoio do ano anterior e as pemes poden solicitar todas as liñas ou unicamente algunha delas segundo as súas necesidades.
A liña 1 está destinada a aqueles gastos para innovar ou levar a mercado as innovacións das pequenas ou microempresas, como custos de protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas, custos da mellora na xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica e custos das accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos. O ano pasado a través desta liña mobilizáronse máis dun millón de euros de custo en innovación nos beneficiarios. Doutra banda, unha segunda liña facilita a tramitación das deducións fiscais relativas á I+D+i, de feito os beneficiarios de 2022 certificaron custos en innovación por máis de 2,5 millóns de euros. A convocatoria deste ano, coma novidade, inclúe tamén a xestión das bonificacións de persoal investigador.
Por último, a través da terceira liña, que permite tramitar axudas estatais ou europeas de I+D+i, as empresas que foron apoiadas captaron máis de 4 millóns de euros, o que supón un retorno de 50 euros por cada euro investido pola Xunta de Galicia.