Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta afirma que o proxecto de Altri é vital para a transformación industrial de Galicia e esixe que o goberno axilice os fondos europeos comprometidos

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, apunta no Parlamento que esta iniciativa, que supón un investimento de 800 millóns de euros, require a plena colaboración de todas as administracións para que esta industria se leve adiante coas máximas garantías

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2023. O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou hoxe no Parlamento que o proxecto de Altri, que supón un investimento de 800 millóns de euros e a posibilidade de crear ao redor de 2.500 empregos, esixe a plena colaboración de todas as administracións para que esta industria se leve adiante coas máximas garantías.

O responsable de Economía, Industria e Innovación salientou que o Goberno non pode continuar poñendo en dúbida o futuro dun proxecto vital para a transformación industrial de Galicia e da provincia de Lugo, e a cohesión territorial e social do rural. De feito, do total de fondos anunciados para os Perte -para proxectos industriais- segue sen comprometer o 83,5%.

O proxecto de Altri para levantar unha fábrica de fibras téxtiles sustentables en Palas de Rei é un proxecto industrial estratéxico de economía circular que situará Galicia como referente de innovación e sustentabilidade a nivel nacional e internacional. Esta iniciativa permitirá que Galicia concentre o 3% da produción mundial deste material, co que a industria téxtil de Galicia e España terá a oportunidade de cumprir coa estratexia europea para estes materiais, comprando na Comunidade esta materia prima a partir de residuos téxtiles e madeira certificada.

Así, segundo subliñou o vicepresidente primeiro, este proxecto supón a oportunidade de configurar un novo mercado para a industria forestal, na que a provincia de Lugo e Galicia mantén o seu liderado, cun total de 456 empresas que garanten a trazabilidade da orixe sustentable das súas producións mediante certificación forestal internacional.

A Xunta de Galicia tamén está axudando na definición e tramitación administrativa, ao igual que o Concello de Palas, que está a facer un labor importante para o seu desenvolvemento. Agora, só falta que o Goberno central axilice os fondos europeos comprometidos polo propio presidente Pedro Sánchez ao presidente Alfonso Rueda hai oito mesmo, para que Altri poida confirmar a execución deste proxecto.

Para favorecer o desenvolvemento de novos investimentos en Galicia, puxéronse en marcha políticas moi ambiciosas recollidas por lei vinculadas á simplificación administrativa, a priorización de proxectos estratéxicos e a dotación de solo empresarial. Isto ten permitido dispoñer de 19 iniciativas empresariais prioritarias de carácter industrial e catro proxectos industriais estratéxicos vinculados a sectores moi diversos como a automoción, o téxtil, o naval, TIC, agroalimentario, biotecnolóxico ou aeronáutico.

Exit mobile version